Friday 22 de November de 2024

O Concello súmase ao aniversario do colexio Eusebio da Guarda coa estrea este mércores no Teatro Colón de “125 anos de Noites en Vela”


Cento trinta escolares participan nun musical que retratará a época da apertura do centro educativo, lembrando a figuras como María Barbeito e Picasso

Na actividade colaboran a Escola de Imaxe e Son, o Conservatorio Superior de Música, o CEE María Mariño e a Escola Profesional de Música Enrique Paisal

O Concello da Coruña súmase á conmemoración do 125 aniversario do CEIP Eusebio da Guarda colaborando e promovendo a estrea este mércores, ás 19.00 horas no Teatro Colón, do espectáculo “125 anos de Noites en Vela”, no que se lembrarán a época e personaxes da apertura do centro educativo.

O concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, acompañado pola directora do colexio, Irma de la Iglesia; o director da Escola de Imaxe e Son, Ignacio Romero e pola profesora e coordinadora da actividade, Dolores Orellán, informou esta mañá sobre a obra que se poderá ver no Colón.

Serán 130 os alumnos e alumnas que participen na representación de “125 anos de Noites en Vela”, con representación de escolares de entre 6 e 12 anos, nas etapas de Infantil e Primaria. Esta actividade cultural, consistente na representación dunha obra de teatro, ten lugar todos os anos por parte do CEIP Eusebio da Guarda e nesta ocasión, por primeira vez, participarán alumnos de Educación Infantil.

Durante a presentación, Jesús Celemín animou á participación e enxalzou o traballo desenvolto nestes anos na iniciativa, que nesta ocasión se centrará no 125 aniversario do colexio, nado baixo a denominación de Escolas da Guarda.

A obra, enmarcada nunha data indeterminada de entre finais do século XIX e mediados do XX, recrea a época e circunstancias da cidade coruñesa coincidindo coa posta en marcha do centro educativo. Para iso mestura situacións relacionadas co desenvolvemento histórico, social e económico da Coruña e presenta algúns personaxes que foron importantes para a cidade e para o propio colexio Eusebio da Guarda, entre os que figuran María Barbeito, escritora e directora das Escolas da Guarda e Pablo Ruíz Picasso, alumno do centro.

Desta maneira, imaxinación, música, danza e algo de maxia mestúranse coas tradicións galegas para xerar un espectáculo que permita celebrar con gran brillantez os primeiros 125 anos de existencia do colexio Eusebio da Guarda.

Ademais da participación de alumnos do colexio, os estudantes da Escola de Imaxe e Son serán os encargados de coordinar os labores de imaxe, iluminación, son e produción do espectáculo. A música, que soará en directo, correrá a cargo de alumnos do Conservatorio Superior de Música e da Escola Profesional de Música Enrique Paisal, de Ribeira.