Friday 22 de November de 2024

A Pobra revelou o proceso de formación da contorna do río das Pedras a través dunha ruta xeolóxica


A contorna do río das Pedras é un dos espazos máis emblemáticos da Pobra do Caramiñal e que aínda agocha moitos segredos. Co obxectivo de coñecer máis sobre esta paisaxe dende outra perspectiva, a Administración local promoveu unha nova ruta na mañá do día 23 de abril para, segundo manifesta a concelleira do Medio Ambiente, Genoveva Hermo, pór en valor a riqueza do territorio nesta área do municipio. O xeólogo Francisco Canosa guiou a vintena de participantes por este espazo natural que, igual ca a meirande parte das nosas serras e vales, é consecuencia da formación dos Alpes millóns de anos atrás, coma se de cicatrices se tratasen.

Coa vista posta no chan, puideron constata-las rochas presentes no lugar e como estas influíron no proceso de formación das piscinas naturais, ademais de especular sobre cal será a súa evolución no tempo.

O río atópase no seu nacemento en plena montaña con granito, de orixe ígnea, que, debido á súa dureza, decreta a fractura pola cal debe discorre-la auga, que se atopa en moitas ocasións con saltos de nivel que dan lugar ás fervenzas que hoxe coñecemos. Canto máis preto do mar nos situamos, gañan protagonismo os xistos, de orixe metamórfica, moito máis brandos, que deixan á libre elección da natureza o camiño por seguir ata desembocar na ría. Pero hai momentos en que a corrente fluvial arrastra fragmentos graníticos que se acumulan no leito do río e ocasionan remuíños que erosionan o sedimento ata conforma-las actuais pozas que, nun futuro, presentarán un aspecto distinto.

E tamén a carón do leito aparecen distintos minerais que nos constatan como se transforma o medio natural e o resultado da interacción de diferentes compoñentes. Un claro exemplo é a andalucita, un mineral que se caracteriza polas protuberancias que causa nunha superficie rochosa e semella un fósil vexetal. Polo tanto, nunca sabemos por onde pisamos e as revelacións que nos pode face-la natureza.