Saturday 16 de November de 2024

Curuxa do Humor para o debuxante Manuel Arriaga de León


A entrega do premio coincidiu co comezo do ciclo “Novembro, Mes do Humor” que o próximo venres trae a Fene ao coñecido actor Luís Zahera

Trinta anos despois da súa primeira convocatoria, o Museo do Humor de Fene entregou o pasado venres o 2º premio do certame “Curuxa do Humor 2015”. O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e a concelleria de Cultura e Ensino, Amalia García, foron os encargados de entregar o premio e o diploma ao gañador do certame, o debuxante murciano Manuel Arriaga de León.

Segundo o alcalde de Fene, a obra de Manuel Arriaga, “Qué leria de guerra!”, “chamou a atención dos membros do xurado, non só pola súa calidade artística senón tamén polo enfoque, pola súa mensaxe que, do sorriso inicial, en seguida leva á reflexión sobre o absurdo das guerras”. Juventino Trigo aproveitou a súa intervención durante a entrega do premio para manifestar o compromiso do Goberno Municipal de Fene cos Premios Curuxa e para anunciar unha nova convocatoria para comezos do vindeiro ano “con algunhas modificacións que a partir de agora haberá que estudar para adaptar o certame aos novos tempos e para facilitar a participación dos artistas”.

Na mesma liña, a concelleira de Cultura e Ensino salientou a importancia dos Premios Curuxas na historia do Museo do Humor xa que, grazas a eles “púidose dotar dunha cantidade inxente de obra ao Museo, ademais de que serviron de canle de descubrimento dunha importante nómina de autores”. Amalia García asegurou que, unha vez finalizada a mostra dos Premios Curuxas que se amosa ata finais de mes na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura de Fene, a obra de Manuel Arriaga pasará á exposición permanente do Museo do Humor “para desfrute de todos e todas”.

A entrega do 2º premio do certame “Curuxa do Humor 2015” coincidiu co arranque do ciclo “Novembro, Mes do Humor”, un programa de espectáculos humorísticos que inaugurou o pasado venres o dúo formado por María Lado e Lucía Aldao (“Aldaolado”). Esta semana, o venres, o protagonista será o coñecido actor Luís Zahera cun monólogo titulado “Chungo” no que fai repaso en clave de humor da súa traxectoria profexional. Nel, Zahera explica as súas vivencias vitais como actor, e a traxectoria que o foi levando a interpretar “papeis de raro, de non moi listo e sempre de chungo”.

Todalas sesión deste novo ciclo “Novembro Mes do Humor” desenvólvense no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, agás a última función que será ás 21 horas. As entradas son de balde aínda que, para asistir a calquera dos espectáculos programados, cómpre recoller as invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo está limitado a 120 persoas.

CURRÍCULO DE MANUEL ARRIAGA
Manuel Arriaga de León é un humorista gráfico natural da Mancha, aínda que afincado dende hai anos en Puente Tocinos (Murcia). Na actualidade, publica os seus debuxos en distintos medios como Trofeo Caza, Jara y Sedal, Caza y Safaris ou Emergencias y Seguridad Ciudadana. Tamén ten colaborado con revistas como Super Foto, Perros de caza ou Clara e cos xornais La verdad y La Voz de Murcia.

Manuel Arriaga foi finalista no primeiro e no terceiro concurso internacional de Humor Gráfico El Caracol. Tamén foi seleccionado no III concurso internacional de Santomera e acadou o premio da Concellería de Cultura no concurso de humor gráfico Lorenzo Goñi 2013 (acadando neste mesmo certame unha mención especial na súa edición deste ano).

Salientar tamén que este autor foi seleccionado pola organización Recursos Humanos sen fronteiras para participar en diferentes exposicións internacionais, polo que a súa obra puido verse en lugares tan dispares como Madrid, Linares, Toulouse, Paris, Roma ou Nova York. Tamén está presente na exposición permanente do Museo de Humor Gráfico de El Toboso (en Toledo), ao moi pronto sumará a súa presenza na exposición permanente do Museo do Humor de Fene.