Saturday 16 de November de 2024

Homenaxe ao último alcalde de Enfesta, Manuel Balado, co descubrimento dunha placa que rescata a súa memoria no centenario do seu nacemento


Durante o acto, a veciñanza entregoulle un ramo de flores a Carme Balado, filla do último alcalde de Enfesta

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, asistiu hoxe ao acto de descubrimento dunha placa conmemorativa, no número 1 do lugar de Mourentán, na que se recupera a memoria do último alcalde do antigo concello de Enfesta, Manuel Balado Hermida, con motivo do centenario do seu nacemento.

No ano 2012, coincidindo co cincuenta aniversario da anexión do municipio de Enfesta ao de Santiago, feito acontecido en 1962, saiu á luz unha publicación de Juan Lema e Henrique Neira, “Historia do Concello de Enfesta” que documentaba como foi esta anexión.

Con motivo da preparación do Ano Santo de 1965, Santiago aspiraba ao aeroporto de Lavacolla, polo que desde o goberno da dictadura franquista se apostou por esta adhesión. En decembro de 1960 a Corporación Municipal de Enfesta acordou anexionarse a Santiago, co único voto en contra do alcalde Manuel Balado Hermida, quen recorreu a decisión. Houbo que esperar ata 1962 para que a decisión se oficializara.

Na súa intervención, Xosé Sánchez Bugallo, sinalou que “a historia conxunta de Enfesta e Santiago é unha historia de 1.200 anos, aínda que houbo 120 anos de separación entre ámbolos dous”, desde as represalias tomadas polos “isabelinos” contra Compostela por apoiar as guerras carlistas, ata o ano da adhesión. Pero, recoñeceu o rexedor, “Santiago sen Enfesta non sería o mesmo Santiago. E síntome moi honrado de coñecer e recoñecer a historia dun gran alcalde”, en referencia a Manuel Balado Hermida.

No acto tamén interviron Concha Tarrío, veciña do lugar, quen sinalou que Manuel Balado Hermida foi un alcalde “adiantado ao seu tempo e defensor dos intereses da súa xente, dos veciños e veciñas de Enfesta”. A continuación, Perico Balado, neto do último rexedor de Enfesta, sinalou que “o noso avó preferiu permanecer en silencio. Pero agora nós, rescatamos esta historia”. A historia dun político, continuou, que cómpre valorar “nun ano tan especial, 2023, cando se cumpre o seu centenario”.

A placa descuberta ten o seguinte texto: “praciña de D. Manuel Balado Hermida. In memoriam. Último alcalde do concello de Enfesta (dende o 03-02-1959 ata o 20-03-1962)”. A continuación recolle un fragmento do libro “Historias do Concello de Enfesta”, que di: “A continuación o Sr. Alcalde-Presidente, visiblemente contrariado, levantouse e manifestou que non podía seguir presidindo a sesión, por non estar en condición de facelo e ó dirixirse á porta de saída o fedatario pregúntalle si se atopa indisposto, ó que responde: “non me atopo ben, estou doente”. No seguinte parágrafo da placa, cóntase que “a maioría da poboación deste municipio de Enfesta eestaba inicialmente a favor da adhesión, pero ó pouco tempo, segundo testemuños de persoas que viviron aquel proceso, a euforia converteuse nunha decepción colectiva. Hai homes adiantados ó seu tempo, visionarios silenciados. Cómpre lembrar as cousas que psaron, para que non se volvan repetir”.

Ademais do alcalde, no acto estaban presentes distintos membros da Corporación Municipal: o concelleiro de Barrios e Obras, Gozalo Muíños, a portavoz de Compostela Aberta, María Rozas acompañada do edil Xan Duro: e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín.