Saturday 16 de November de 2024

Nicolás Cuestas e Edymar Brea gañan a carreira popular C10


O uruguaio e a galega foron os gañadores da proba cun tempo de 29’ 10’’ e de 32’ 52’’ respectivamente

O circuito C10 recuperou as cifras de inscrición previas á pandemia, con máis de 3.000 inscritos e dos que 1.800 chegaron á meta

Un total de 1.800 persoas chegaron á meta na carreira popular Coruña10. Trátase da terceira C10 tras o regreso destas competicións á cidade tras a pandemia, recuperando as cifras de participación previas ao parón polo Covid-19. O uruguaio Nicolás Cuestas, en categoría absoluta masculina, e a galega Edymar Brea, en categoría absoluta feminina, foron os gañadores da competición este ano.

A pesares da chuvia, esta mañá viviuse un gran ambiente no Parrote, punto de encontro da proba que arrincou ás 10.00 horas desde Porta Real e rematou na Mariña, transcorrendo polos Cantóns, Linares Rivas e os terreos interiores do Porto. O percorrido foi homologado pola Federación Española de Atletismo. Nicolás Cuestas, gañador da absoluta na categoría masculina, completou o percorrido cun tempo de 29’ 10’’; e Edymar Brea, gañadora da absoluta feminina, rematou a proba deixando o reloxo en 32’ 51’’ quedando en ambos casos a pouco máis dun minuto do récord da proba (28’09” na categoría masculina e 31’40” na feminina).

O atleta Nicolás Cuestas estivo acompañado no podio de vencedores polo leonés Roberto Alaiz (29’22’’) e o burgalés Pablo Sánchez (29’28’’), mentres que Edymar Brea foi seguida da galega Esther Navarrete (32’ 55’’) e a portuguesa Sara Catarina Barbeito (33’08’’). A alcaldesa, Inés Rey, fíxolles entrega dos galardóns aos gañadores e gañadoras da proba.

Nas modalidades inferiores participaron case 500 de nenos e nenas. A segunda clasificada, Esther Navarrete, quedou a 15 segundos do record galego absoluto de 10k