· O galardón recaeu, este ano, en mans da compañía INTACTA, natural das Pontes.
Os enxeñeiros técnicos industriais da delegación de Coeticor en Ferrol están hoxe de celebración. Os colexiados congregaranse, un ano máis, para homenaxear ao seu patrón, San José. Farano, esta noite, coa celebración dunha cea-baile de confraternización na antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Con todo, os actos para celebrar o patrón arrincaron xa, pola mañá, nas instalacións do Colexio en Ferrol. A delegación acolleu a entrega do 12º Premio Eficiencia Empresarial.
Nesta ocasión, a firma pontesa INTACTA fíxose con este galardón. Trátase dunha compañía de servizos ambientais especializada no desenvolvemento de proxectos singulares de enxeñería e que ofrece os seguintes servizos: consultaría, enxeñería, proxectos chave en man, explotación de instalacións e resposta a emerxencias.
Unha referencia mitológica
Como en anteriores edicións do recoñecemento, obsequiouse á compañía cun cadro elaborado polo artista Juan Manuel Veira Sánchez. Para realizar este lenzo, Veira inspirouse, non só na propia actividade profesional de INTACTA, senón tamén nas mouras, seres da mitoloxía galega aos que se lles coñecía como gardiáns da auga. Na obra, a auga da choiva cae sobre o musgo e fíltrase aos poucos. Con esta alegoría, o autor quixo poñer en valor o labor da firma pontesa á hora de dar solucións para a depuración de augas, así como ao seu labor mediambiental, tal e como a propia moura emula na creación.
En representación do Colexio estiveron presentes o presidente de Coeticor Ferrol, Félix Ledo Pernas, e os vogais da xunta directiva, Juan Carlos Pratas Felgueiras e Alejandro Padilla Rodríguez. Por parte da compañía tomaron parte na entrega Antonio Roncero Correa, Hector Xesus Dopico Hermida e Cristóbal Piñón Fernández.
O Premio Eficiencia Empresarial, que entrega a delegación ferrolá do Colexio, chegou así á súa doce edición. Este recoñecemento busca recoñecer e apoiar ás firmas asentadas en Ferrolterra cun dobre obxectivo: por unha banda, estimular a súa competitividade e, polo outro, premiar os esforzos e elevados niveis de calidade, seguridade e respecto polo medio ambiente.
Cea-baile
A partir das 20.30 horas, os colexiados de Ferrol continuarán coa súa celebración por San José coa realización dunha cea-baile. Será na antiga Escola Universitaria Politécnica de Serantes. Nesta parte da xornada aproveitarase, ademais, para dar a coñecer a todas as persoas asistentes cal foi o gañador desta doce edición do Premio Eficiencia Empresarial.