Saturday 16 de November de 2024

O BNG presentou a súa candidatura para liderar o goberno de transformación que Ponteceso merece


‘O Concello de Ponteceso precisa cambiar de líder e de rumbo, navegamos á deriva entre anuncios de megaproxectos totalmente inoportunos e ocorrencias improvisadas. Precisamos un goberno serio e responsábel’ afirmou a candidata na súa intervención.

Un cento de veciñas e veciños de Ponteceso arrouparon ao BNG na presentación da súa candidatura na noite do venres na Casa dos Veciños do Couto.

No acto, a candidata do BNG Fátima Rodríguez Gonzálvez destacou que Ponteceso merece moito máis: ilusión, ideas novas e ganas de cambiar as cousas. Afirmou que o BNG ten un modelo municipal de éxito que aporta dinamismo social, económico e cultural, e que desde o Bloque se traballará para colocar un concello do rural na vangarda, cun proxecto transformador que beba do modelo municipal do BNG, un modelo que transforma en positivo mellorando a vida das persoas, que xera dinamismo económico e social, que xestiona con eficacia e con transparencia cada euro, un modelo municipal que é referente dentro e fóra de Galiza.

As intervencións de Fátima estiveron acompañadas do vicepresidente de Deputación da Coruña, Xosé Regueira e o número 2 da candidatura Miguel Pose, quen destacou o liderado da candidata e o convencemento de que será a primeira alcaldesa de Ponteceso.

O BNG presentou tamén os seus principios básicos: respecto polos recursos públicos e diálogo, así como os principais eixos da campaña:
• A inclusión efectiva de persoas con diversidade funcional
• Defensa dos servizos públicos
• Defensa do medio ambiente
• Igualdade real entre mulleres e homes

Desde a asemblea local do BNG afirman querer abrir un tempo novo con Fátima Rodríguez como alcaldesa, porque están seguras e seguros que terán un resultado histórico nas eleccións do 28 de maio, sabendo que a maioría dos veciños e das veciñas queren abrir un tempo novo, de futuro, de ilusión e de esperanza, man a man co BNG, para construír un Ponteceso mellor.

A candidatura do BNG para as elección municipais de maio de 2023: Fátima Rodríguez Gonzálvez, Miguel Pose Amado, María Vitureira Facal, Martín Bermúdez Rodríguez, Xurxo Souto López, Mari Lista Neira, Juan Bermúdez García, Rosa Haz Chouciño, José Luís Grobas Amado, Lucía Veciño Souto, Bryan Martínez Oanes, Sandra Souto Gómez, Nando Rivera Pose e Miguel Anxo Mato Fondo e Andrea Pérez Duarte nas suplencias.