― A Xunta colabora coa Fundación Santa María la Real no desenvolvemento dunha nova edición desta iniciativa que rematará en xuño
― Un 76% das participantes atópanse sen traballo despois de facer unha parada na súa actividade profesional para conciliar a vida persoal, familiar e laboral
― Ao longo de dous meses e co apoio de especialistas aprenderán a facer un plan integral de busca de emprego, actualizarán o seu CV, ensaiarán entrevistas de traballo e reforzarán as súas competencias transversais e dixitais
A Xunta promove xunto coa Fundación Santa María la Real unha nova edición do programa Entrena Empleo + no que están a participar desde esta semana unha vintena de mulleres sen emprego, de entre 27 e 60 anos, para incrementar as súas oportunidades laborais e, polo tanto, mellorar as súas posibilidades de inserción no mercado laboral. A iniciativa está dirixida a mulleres desempregadas, especialmente para aquelas que son paradas de longa duración por motivo da súa maternidade ou por coidados.
O programa rematará no mes de xuño e desenvólvese en formato en liña. Deste xeito, as participantes recibirán a través de diferentes sesións virtuais asesoramento por parte de especialistas da Fundación Santa María la Real para realizar un novo itinerario de busca de emprego e enfocar dunha maneira máis eficaz o seu obxectivo profesional.
No caso de Galicia están a tomar parte mulleres procedentes dos concellos da Coruña, Lugo, Viveiro e Baralla que contan con diversos niveles formativos (ESO, Formación Profesional, Bacharelato, grados universitarios ou máster) e con experiencia laboral en diversos sectores como son, entre outros, o comercio, administración, xeriatría, educación social, investigación, saúde, hostalería, análise de datos, atención ao público, sanidade, telecomunicacións ou construción.
Un 76% das participantes galegas atópase nunha situación de desemprego de longa duración tras a maternidade, tras ter realizado unha parada na súa actividade profesional para centrarse na crianza das súas fillas e fillos.
As mulleres que forman parte deste programa, financiado tamén polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030, divídense en cada unha das sesións en subgrupos para poder desenvolver un seguimento máis intensivo e personalizado. Entre as actividades que realizarán destacan a actualización do CV, o reforzo de competencias transversais e habilidades dixitais, o ensaio de entrevistas de traballo, a elaboración de mapas de empregabilidade e a visita a empresas.
Como novidade nesta edición, poranse en valor as habilidades que as participantes adquiriron durante a maternidade ou o coidado de familiares para que as poidan aplicar na súa prospección laboral.
Ao remate da iniciativa, as mulleres recibirán un certificado que acredite o seu nivel de competencias e habilidades dixitais e terán a posibilidade de participar no Plan Acompaña co que se lles presta seguimento e asesoramento posterior para a súa inserción no mercado laboral.