O salón de exposicións da Casa da Cultura de Lousame acolle ata o próximo 9 de decembro a exposición “Carteis. 1970-2014”, unha selección de 35 carteis realizados por Xosé Vizoso, prestixioso artista mindoniense afincado en Brión coñecido especialmente polo seu traballo en Sargadelos, onde é o responsable de gran parte dos deseños da coñecida cerámica galega. Un rasgo que salientou a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, durante a apertura ao público da exposición, que reuniu a unha trintena de persoas.
“Cando un entra a ver esta exposición se decata de que rezuma esencia galega”, asegurou a alcaldesa de Lousame, quen agradeceu a Vizoso que escollese Lousame para albergar os seus carteis. “Quero salientar que hoxe está connosco unha representación do colexio Cernadas de Castro, que traerán aos nosos nenos a visitar e disfrutar desta exposición”, apuntou Villaverde, quen tamén agradeceu a colaboración de José Luís Veiras Manteiga “á hora de traer artistas de renome a esa sala de exposicións”.
Veiras Manteiga foi o encargado de presentar a Xosé Vizoso, de quen salientou “a súa abraiante capacidade de traballo”, e comentar a obra “do artista anónimo que é o responsable do deseño de gran parte das pezas de Sargadelos”. José Luís Veiras asegurou que Vizoso “converte a súa obra nun puzzle”, o que fai que “nunha primeira ollada non se perciba toda a súa obra. Hai que volver mirar”. Unha obra que “merecía unha itinerancia por toda galega, pois é un patrimonio ao que todo galego ten que ter acceso”, rematou Veiras Manteiga.
Máis breve foi Xosé Vizoso, quen agradeceu a colaboración do Concello de Lousame e dos pintores Xosé Vázquez Castro e Juan Casado á hora de montar esta exposición. Así mesmo, desexou que ao longo deste mes “sexan moitos veciños e veciñas de Lousame os que disfruten destes carteis”.
A exposición recolle unha selección de 35 carteis, incluído algún boceto, realizados por Xosé Vizoso nestes últimos 44 anos. Auténticas obras de arte que ilustran prestixiosas festas como as San Lucas (Mondoñedo), Santa Minia (Brión), a Queimada de Cervo, a Coca (Redondela), o Antroido de Foz, a Feira da Artesanía do Ferro de Riotorto… Uns carteis que transcenderon o seu uso informativo para convertérense en auténticas pezas de arte.
Xosé Vizoso (Mondoñedo,1950) entrou a traballar en Sargadelos con tan só dezaoito anos, baixo o maxisterio de Isaac Díaz Pardo. El é o responsable de gran parte dos deseños da cerámica Sargadelos, ademais de deseñar centos de libros e ilustrar moitos deles. Ademais de pintar grandes murais, é autor de máis dun cento de carteis de festas, congresos, etc.