Friday 22 de November de 2024

A corporación municipal aprobará no último pleno ordinario do mandato a incorporación de 1,6 millóns de euros para obras


A xunta de portavoces acordou celebrar o 2 de maio a sesión extraordinaria para realizar o sorteo dos membros das mesas electorais

O luns 24 de abril celebrarase o último pleno ordinario do mandato, e entre os nove puntos que integran a orde do día, que podes descargar máis abaixo, figura unha modificación orzamentaria que ten como finalidade a incorporación de 1.674.461,61 euros procedentes do remanente de tesourería para gastos xerais co obxectivo de financiar distintas obras e servizos. Son os seguintes:

• Recollida de residuos sólidos urbanos: 80.100 euros
• Investimentos en alumeado público: 3.629,21 euros
• Investimento en acondicionamento de xardíns: 61.000 euros
• Reurbanización da rúa Portugal: 134.673,62 euros
• Aglomerado da vía do Moucho (Verdillo) á Piña (Sofán): 381.297,90 euros
• Apertura e pavimentación do primeiro treito da vía que enlazará o polígono de Bértoa coa rotonda da Ponte da Pedra: 615.370,74 euros.
• Ampliación da rede de abastecemento a Rebordelos: 168.375 euros
• Pavimentación con cemento do núcleo rural de Vilar do Carballo (Oza): 210.015,14 euros
• Subministración de cámaras de control de tráfico no polígono industrial de Bértoa: 20.000 euros.

A corporación municipal abordará tamén a adhesión do Concello de Carballo á rede estatal de entidades locais pola compostaxe doméstica e comunitaria, un recoñecemento de crédito por importe de 55.930,27 euros e a conta ordinaria de recadación correspondente ao exercicio 2022.

Na orde do día figuran tamén dous asuntos relacionados con contratos de servizos públicos: por unha banda, a revisión de prezos do servizo de recollida de lixo, transporte, punto limpo e canceira, que supón un custo de 880.515,01 euros ao ano tras o incremento derivado da xestión dos residuos orgánicos; por outro lado, a corporación aprobará o contrato de limpeza viaria, que sairá a licitación por un período de 10 anos e un custe anual de 650.000 euros.

Tamén se debaterá unha moción de Terra Galega na que solicita a aprobación provisional do plan especial de protección de infraestruturas e dotacións en Arnados (Razo). O alcalde, Evencio Ferrero, que deu conta hoxe dos asuntos do pleno xunto coa concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, explicou que o BNG votará en contra porque o expediente aínda non está completo, xa que faltan todos os informes dos técnicos municipais, o que imposibilita a aprobación proposta.

Evencio Ferrero tamén anunciou que, por acordo da xunta de portavoces, a sesión extraordinaria para realizar o sorteo dos membros das mesas electorais celebrarase o 2 de maio ás 14.00 horas.