_Serán catro módulos sobre o deporte como vehículo integrador, o papel do adestrador na inclusión, as etapas de desenvolvemento dos nenos e nenas e os valores do deporte inclusivo.
A Xunta de Galicia, a través da Escola Galega do Deporte da Secretaría Xeral para o Deporte organiza a xornada formativa gratuíta para persoal vinculado coas federacións deportivas galegas sobre deporte inclusivo titulada: ‘Formación do persoal técnico deportivo para a inclusión das persoas deportistas con diversidade funcional’. A xornada será presencial con 20 horas de duración e se desenvolverá en 4 módulos en horario de 16,30 a 20,30 horas. O enfoque será teórico e práctico, con visualización de contido divulgativo, presentación de proxectos no ámbito da inclusión deportiva, posta en común de casos e resolución de dúbidas.
O primeiro módulo, o vindeiro martes 2 de maio na Escola Galega de Administración Pública, tratará a diversidade funcional e deporte como vehículo integrador. O módulo dedicado ao papel do adestrador na inclusión deportiva terá lugar o vindeiro mércores, 10 de maio, no Servizo Provincial de Deportes de Vigo e o luns, 15 de maio, no Servizo Provincial de Deportes de A Coruña. O terceiro módulo, etapas do desenvolvemento dos nenos e nenas e como aproveitalas para a inclusión deportiva, levarase a cabo o mércores 24 de maio na Coruña e o mércores 31 de maio en Vigo. O ciclo rematará o vindeiro luns, 5 de xuño, de novo na EGAP, co módulo que tratará os valores e contravalores do deporte inclusivo.
O coordinador da xornada, que dirixirá os catro módulos, será Marcos Vilasánchez, licenciado en Psicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrado en Psicoloxía da Actividade Física e o Deporte. Cómpre salientar a participación nas xornadas de relatores como Juan Carlos Navarro Molinelli, adestrador e responsable do proxecto de Rubgy inclusivo do CRAT e responsable do rugby inclusivo da federación galega. Do mesmo xeito, compartiranse testemuñas de deportistas paralímpicos galegos e nacionais. As xornadas contan co apoio da plataforma educacional creada en 2018 #JuntosInvulnerables destinada á formación en valores inherentes en deporte dos nenos e nenas.
O obxectivo da xornada é a capacitación do persoal federativo en actuacións de promoción da igualdade de oportunidades e condicións entre persoas con diversidade funcional no ámbito do deporte, actuacións consideradas estratéxicas para o crecemento do deporte galego, e presentes tamén nas políticas da Administración deportiva autonómica e nos Fondos Europeos (Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia). Para a inscrición nas xornadas cómpre enviar un correo electrónico ao mail da Escola Galega do Deporte (escolagalegadodeporte@xunta.gal) indicando o nome da persoa inscrita, a vinculación coa federación deportiva e un teléfono e mail de contacto. O prazo de inscrición remata o mércores, 26 de abril de 2023 incluído.