Saturday 16 de November de 2024

Aprobado o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da estrada que comunica Santa Margarida coa DP-2404


Na Xunta de Goberno Local tamén se acordou a recepción polo Concello da última parte da urbanización Monte Claro de Cabovilaño.

Na Xunta de Goberno Local celebrada hoxe acordouse aprobar con carácter inicial o proxecto de expropiación dos terreos afectados pola ampliación da estrada da parroquia de Montemaior que comunica a vía provincial DP-2404 con Santa Margarita pasando polos núcleos A Baiuca, Goexe, O Sopé e Propeste.

O Concello investirá de 62.600 euros na adquisición dun total de sesenta e cinco parcelas catastrais cualificadas no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) como solo rústico e solo de núcleo rural tradicional e que están afectadas por esta actuación de mellora da rede viaria.

Continuando cos trámites administrativos, o acordo de hoxe será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) e estará un mes en exposición pública antes de elevarse a definitiva a aprobación do proxecto de expropiación. Así mesmo, notificarase aos propietarios e abrirase o período de alegacións ao xustiprezo.
Dispoñer destes terreos é condición necesaria para poder levar a cabo o proxecto de mellora da citada estrada de Montemaior, unha actuación valorada en aproximadamente 300.000 euros e que dará continuidade ás realizadas nos últimos anos noutros tramos da mesma vía, significando unha mellora substancial das comunicacións viarias nesa parte da parroquia.

Urbanización Monte Claro de Cabovilaño

Nesta sesión da Xunta de Goberno Local tamén se acordou a recepción da última parte da área de reparto AR-S2 correspondente á urbanización Monte Claro, situada no lugar do Cancelo do Medio da parroquia de Cabovilaño.

Este trámite faise unha vez informado polos técnicos municipais o remate pola promotora da totalidade das obras urbanización que estaban pendentes de execución, consistentes na reparación de deficiencias en equipamentos, o acondicionamento das zonas verdes e a plantación de arbustos no perímetro norte a modo de peche vexetal.