Friday 22 de November de 2024

A Festa dos Maiores terá un custe de 7,5 euros por persoa


A Xunta de Goberno local, reunida en sesión extraordinaria e urxente, aprobou hoxe o prezo público para a Festa dos Maiores: 7,50 euros por persoa usuaria. Tamén se deu luz verde á concesión de subvencións a nove entidades relacionadas coa cooperación ao desenvolvemento.

O Concello de Santiago promove dende hai anos a celebración da Festa dos Maiores nas instalacións Municipais do Recinto Feiral de Amio, que este ano conta cun orzamento de 37.740 euros, igual ao de 2022; ao terse realizado a licitación bianual. Celebrarase o sábado, 20 de maio, coincidindo coas festas da Ascensión, e como é habitual, a continuación haberá orquestra e baile. O obxectivo deste evento é fomentar a participación e interacción das persoas maiores de distintas parroquias e lugares do termo municipal, celebrando un día especial nun espazo de encontro no que se sintan protagonistas. Segundo sinalou o concelleiro de Festas, Sindo Guinarte, a previsión de afluencia é dunhas 1.500 persoas.

Por outra banda, tamén se aprobou a concesión das axudas de “Cooperación ao Desenvolvemento”, por un importe 167.471,36 euros, dos que se beneficiarán nove entidades. 71.471,36 euros están destinados subvencionar gasto corrente e 96.000 a gasto de investimento. Estas axudas teñen como obxectivo, a través do esforzo conxunto dos gobernos e a xestión de entidades privadas e ONGs, promover accións que contribúan ao desenvolvemento sostible e a mellorar o nivel de vida da poboación mundial.