Sunday 24 de November de 2024

A asemblea local aproba por unanimidade a candidatura do BNG de Arteixo


Xunto a Xurxo Couto, no primeiro tramo están: o concelleiro Raúl Fernández; Loly Rega, traballadora da asesoría xurídica da CIG; Carlos López, técnico de mantemento industrial;Sonia Gómez, profesora de Lingua galega e literatura, Xoán Carlos Martínez e Lara Vieites, farmacéutica en Meicende

Ás demais persoas integrantes da lista daranse a coñecer nun acto que terá lugar no Balneario de Arteixo, o venres 28 de abril, e no que intervirán os e as candidatas nacionalistas da comarca

 

A asemblea local elixiu por unanimidade as persoas que integran a candidatura do BNG á Alcaldía de Arteixo para as próximas eleccións do 28 de maio. Así, no primeiro tramo, xunto ao alcaldable Xurxo Couto están, por orden, o concelleiro Raúl Fernández (Morás), enxeñeiro informático que traballou ata a súa recente xubilación na Federación Galega de Municipios; Loly Rega (Lañas), vinculada ao mundo da cultura municipal, traballa desde hai 13 anos na asesoría xurídica na CIG, ademais, foi concelleira do BNG en Arteixo entre 2007-2015; Carlos López (Arteixo), traballa de técnico de mantemento industrial; Sonia Gómez (Arteixo) é profesora de Lingua galega e literatura en Secundaria e Bacherelato no IES de Fene; Xoán Carlos Martínez é mestre afeccionado ao montañismo e o ciclismo e Lara Vieites (Arteixo) é farmacéutica en Meicende.

Couto destacou a “ilusión” e as “ganas de traballar” coa que concorren aos próximos comicios municipios para lograr que Arteixo desenvolva “todo o seu potencial”. “Todas as persoas que formamos parte da lista do BNG de Arteixo cremos nun proxecto que poña no centro á xente, que é o máis importante da política local”.

O candidato nacionalista incidiu en que o Goberno do PP “non ten un proxecto claro nin no social, nin no cultural, nin no urbanístico, por pór algún exemplo”. Desde a formación política queren aportar solucións aos “problemas ambientais, de vivenda, de accesibilidade ou ao feísmo urbanístico”.

Respecto aos nomes das demais persoas que forman parte da candidatura, daranse a coñecer nun acto público que terá lugar na praza do Balneario o próximo venres, 28 de abril, ás 20.00 horas. O evento terá carácter comarcal e está previsto que interveñan os e as candidatas nacionalistas da comarca coruñesa.

Currículum e declaracións:
1.Xurxo Couto: (Ferrol, 1965) portavoz municipal do BNG no mandato 2019-2023, Deputado de Cultura na Deputación da Coruña neste mandato. Licenciado en Historia, especialidade en Arqueoloxía, pola Universidade de Santiago de Compostela, traballou como docente en Formación Ocupacional de Mestre Canteiro. Como canteiro e arqueólogo, ten participado en proxectos de escavación, consolidación e limpeza do patrimonio. Entre as súas afeccións está o xadrez.

“Fixemos unha oposición tranquila e responsábel, achegando propostas para mellorarmos Arteixo e a vida da xente que vive aquí, e naturalmente para as persoas que veñen ao noso concello traballares ou pasearen.
O noso proxecto para o concello é a antítese do que fai o PP. Queremos máis servizos e máis programación cultural”

2. Raúl Fernández Iglesias: vive na parroquia de Morás, enxeñeiro informático pola Universiade da Coruña, actualmente é concelleiro. Traballou até a súa recente xubilición na Federación Galega de Municipios. Enxeñeiro informático pola Universidade da Coruña. Foi durante moitos anos xogador de basquet e agora, cando as súas responsabilidades llo permiten, practica algo de golf.

“A política é unha ferramenta para mellorar a vida da xente se se exerce con responsabilidade, sen confrontos absurdos que non contribúen a nada. A guía do BNG son as persoas de Arteixo, escoitalas e traballar man a man con todas elas”.

3. Loly Rega Nión: naceu en Lañas hai 53 anos. Moi vinculada ao mundo da cultura desde o asociacionismo e a participación activa. Traballa desde hai 13 anos na CIG, na asesoría xurídica. Foi concelleira do BNG en Arteixo nos mandatos de 2007 e 2011.

“Volvo á política municipal con ánimo de ter responsabilidades de goberno en Arteixo para traballar en ámbitos como o benestar e a igualdade, os grandes esquecidos da política municipal arteixana”.

4.Carlos López Oliveira: naceu en Zas hai 49 anos, leva 16 anos vivindo en Arteixo. Traballa de técnico de mantenimento industrial. Desfruta paseando polas contornas naturais e vistar e relaxarse no rural na compaña da súa familia e amizades. Tamén lle gusta o xadrez e, agora, xogar e desfrutara do seu neto e da súa neta.

“Arteixo precisa dun goberno que teña un plan de mellora da calidade do noso medio natural: recuperación de espazos degradados,melloras ambientais nas zonas industriais, un plan de eliminación das especies invasoras, etc.
Outra das grandes cuestións que precisa este concello é atención ao medio rural. Hai que facer si ou si un plan xeral de ordenación urbana que permita que a xente poida construír as súas casas no rural”.

5.- Sonia Gómez Castro: Naceu na parroquia de Laiosa no Íncio hai 45 anos mais vive en Arteixo xa hai varios anos, coa súa parella e súa filla. É profesora de Lingua galega e Literatura en secundaria e Bacherelato, na actualidade no IES de Fene. Encántalle o teatro. Recibe clases de baile tradicional e pandeireta nunha asociación cultural.

“Creo na candidatura do BNG porque hai un proxecto claro a nivel cultural, social e lingüístico. Precisamos con urxencia dinamización cultural neste concello, que se convirta nun referente cunha programación en que todas e todos, teñamos a idade que teñamos, nos sintamos representados e que se faga de xeito continuado”.

6.- Xoán Carlos Martínez Montes: (1972) mestre. Afeizoado ao montañismo e o ciclismo.
“Quero un Arteixo que sexa coñecido e recoñecido por algo máis que ser un polígono industrial queremos tamén que se fale del pola nosa política cultural, pola calidade do emprego, pola actividade deportiva e pola atención ao medio natural”.

7. Lara Vieites Corredoira: Farmaceútica en Meicende, adora o fútbol. Naceu en Arteixo e aquí quere seguir a vivir.

“Unha das cousas que me moveu a formar parte da candidatura é que a xente do BNG quere mellorar este concello, propón como facelo, está orgullosa de Arteixo e quere valorizalo, poñelo no mapa como un dos mellores lugares onde vivir. Niso queremos converter Arteixo: nun espazo que sexa exemplo de calidade de vida”.