A creación da área de estacionamento, sufragada pola Fundación Amancio Ortega e coordinada polo servizo municipal de Infraestruturas, amplía os espazos para aparcar na contorna de Visma, Agra e Cidade Escolar
O acceso ao aparcadoiro, que está delimitado polo parque Adolfo Suárez, o centro social de Padre Rubinos e o colexio Calasancias, está habilitado na rolda de Outeiro, á altura do punto limpo municipal
O Concello da Coruña vén de abrir o aparcadoiro públicosituado no sector norte do parque Adolfo Suárez, un novo equipamento que amplía os espazos de aparcamento no barrio de San Pedro de Visma. Desde hoxe, os cidadáns xa poden empregar o novo aparcadoiro.
Os traballos de construción deste aparcadoiro, público e gratuíto, remataron na antesala da Semana Santa, permitindo así a creación de 229 novas prazas de aparcamento (catro, destinadas especificamente a persoas con mobilidade reducida), facilitando o estacionamento de vehículos e autobuses ás persoas usuarias das instalacións deportivas de Visma, o colexio Calasancias —desconxestionando o tráfico no acceso ao centro educativo pola estrada dos Fortes—, o centro social da Real Institución Benéfico Social Padre Rubinos e do propio parque Adolfo Suárez.
Ademais, tamén permitirá aliviar a concentración de vehículos nas rúas próximas ao estadio municipal de Riazor e o Palacio dos Deportes de Riazor nos eventos deportivos das fins de semana, evitando así o estacionamento irregular na contorna.
O acceso ao aparcadoiro, que está delimitado polo parque Adolfo Suárez, o centro social de Padre Rubinos e o colexio Calasancias, está habilitado na rolda de Outeiro, á altura do punto limpo municipal.
Máis de 3.600 metros cadrados de céspede e 54 novas árbores
As obras para construír o novo aparcadoiro do parque Adolfo Suárez supuxeron un investimento de 535.000 euros. O proxecto foi sufragado, case na súa totalidade, pola Fundación Amancio Ortega, e coordinado polo servizo municipal de Infraestruturas.
A superficie, coa calzada e as beirarrúas en forma de plataforma única, deseñouse baixo criterios respectousos co medio ambiente e a contorna. Plantáronse 54 novos exemplares de carballo da especie Quercus palustris —semellantes ás existentes no parque, para uniformar a paisaxe natural da zona— e a disposición dos espazos de aparcamento levouse a cabo sobre pavimentos permeables, de tipo lousa céspede. Desta forma, a maior parte da auga procedente da choiva quedará no subsolo, filtrándose á nova rede de pluviais e saneamento creada baixo a superficie do aparcadoiro.
No contexto dos traballos, e no perímetro que bordea o aparcadoiro, tamén se executou unha senda peonil de xabre pavimentado sobre cemento, con 270 metros de percorrido e 2,5 metros de ancho. Sobre este novo camiño instalárons seis novos báculos de alumeado público, cun total de 24 luminarias tipo led.
Ademais, dispúxose unha nova área verde axardinada, con 3.600 metros cadrados de céspede —dotadas cun sistema de rega automático—, 1.500 metros cadrados da especie Hedera helix tapizante, e outros 300 metros cadrados de setos.
O miradoiro dos Castros reabriu hoxe tras concluir os traballos para a súa restauración
Os cidadáns poden facer uso desde hoxe do miradoiro dos Castros, enclave no que,durante os dous últimos meses, se levaron a cabo diversos traballos de mellora e restauración dos espazos peonís e axardinados. O valado que delimitaba os traballos foi retirado hoxe permitindo de novo o paso por ese enclave.
En primeira instancia, levantáronse uns 200 metros de travesa de ferrocarril, que facían debordo entre os xardíns e camiños do parque, e estaban deteriorados polo paso do tempo e as inclemencias meteorolóxicas. Substituíronse por adoquíns de granito gris.
Ademais, nas áreas arbustadas leváronse a cabo tarefas para o resembrado do céspede e tamén se estendeu, en diversos puntos, cortiza de piñeiro. A maiores instaláronse macizos ornamentais de prantas combinadas.
En paralelo, executouse a restauración dos bancos existentes no miradoiro, coa limpeza e tratamento da madeira, con lasur. Ademais, instaláronse outros seis bancos, novos, tamén de madeira.
A intervención, unha demanda das veciñas e veciños do barrio, completouse hoxe cos derradeiros retoques nas áreas verdes.