Máis de cen estudantes do IES da Pobra do Caramiñal asistiron na mañá deste 21 de abril ao concerto didáctico A doce vita. Sons de cine.
Con Vita Ivaskevica na voz, Pablo Vidal no contrabaixo e Rafa Otero na guitarra, a rapazada do 4.°, do 3.° e parte do 2.° da ESO puido desfrutar das bandas sonoras dunha selección de recoñecidos filmes entre os cales se atopaban Cantando bajo la lluvia, Desayuno con diamantes, Con faldas y a lo loco ou Misión imposible.
Previamente, no inicio da sesión musical, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, interveu para explicar que este tipo de propostas busca complementa–los coñecementos adquiridos nas clases con saídas pedagóxicas para enriquece-lo proceso da aprendizaxe do estudantado, nesta ocasión a través dunha actividade cultural que une clásicos do cine e música. Aproveitou a ocasión para despedir alumando do centro de estudos Ady Endre Secondary School, de Hungría, que estivo durante estes días na localidade ao abeiro do programa Erasmus+.
Tamén se dirixiu ao público o director do centro de ensinanza secundaria, Alejandro Bobillo, quen incidiu nos beneficios da participación do programa no desenvolvemento educativo e persoal da mocidade.