Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Goberno acorda solicitar a cesión dun inmoble no Ensanche á Seguridade Social para a posta en marcha dun centro polivalente para as persoas maiores


O pasado luns a Xunta de Goberno local deu luz verde á solicitude por parte do Concello á Tesouraría Xeral da Seguridade Social da cesión gratuíta de dous locais, situados na planta baixa do número 17 da rúa de San Pedro de Mezonzo, por un prazo de 25 anos, co fin de implantar un centro de atención polivalente dirixido ás persoas maiores. O alcalde Xosé Sánchez Bugallo e a concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deron conta deste asunto nunha rolda de prensa que tivo lugar esta mañá no Pazo de Raxoi.

Sánchez Bugallo explicou que “tras o cambio lexistativo do pasado xaneiro que permite a adscrición dun ben público dunha administratación a outra para un uso xustificado”, o Concello mantivo varios encontros co director da Tesourería Xeral da Seguridade Social para solicitar a cesión de dous locais da entidade estatal que levan máis de 20 anos en desuso co fin de habilitar un centro para múltiples usos dirixido ás persoas maiores.

O rexedor explicou que tras os primeiros encontros informais e a elaboración por parte do Concello dunha memoria xustificativa do uso que se lle darán aos inmobles, finalmente o pasado luns a “Xunta de Goberno adoptou un acordo para pedir formalmente a cesión deste ben durante un período de 25 anos”, que vén acompañado “pola incorporación na proposta de aplicación de remanentes dunha cantidade para redactar o proxecto de intervención que será necesario acometer nos inmobles” para adaptalos á finalidade que se pretende.

Trátase dun “local comercial en planta baixa, situado na rúa San Pedro de Mezonzo, número 17, cunha superficie total de 1.528 m²”, inscrita a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social, que “consta de dous locais, de 886 e 642 metros cadrados respectivamente”, que inclúe tamén un patio “aínda que o groso da superficie é cuberta”, detallou.

O seguinte paso será “a formalización mediante a firma da acta correspondente, a elaboración dun proxecto técnico e habilitar o orzamento que corresponda” para acometer as obras de acondicionamento do inmoble. Explicou o rexedor que o centro será de “xestión municipal aínda que se poderá concertar con outras entidades e asociacións locais a posta en marcha dos servizos e as actividades”.

Envellecemento activo

A concelleira Mila Castro salientou que este novo espazo responde a unha decisión tomada polo Concello co fin de afrontar “o máis que evidente proceso de envellecemento da poboación tanto na nosa cidade como no resto de España”. Así, “un 23,5% dos residentes en Santiago teñen 65 anos ou máis, o que supón case un cuarto da poboación”, e ademais “arredor dun 20% destas persoas maiores viven soas”, unha “realidade social que é máis relevante na zona de Ensanche e mesmo na Pontepedriña, no que esta porcentaxe pode subir ata case un 30%”, sinalou a edila.

Para esta razón, o Concello pretende acondicionar na área do Ensanche este novo espazo que ofrecerá servizos e actividades específicas dirixidas aos máis maiores “co dobre obxectivo de previr o deterioro psico-físico e favorecer a convivencia e a integración social destas persoas no seu entorno”. Mila Castro adiantou que o novo centro “contará cunha sala de lectura e de ordenadores, cursos de achegamento ás novas tecnoloxías e de estimulación cognitiva, obradoiros, saídas culturais…ademais, nunha ubicación importante”.