Este sábado haberá concertos de Bejo, Boyanka Kostova e Fillas de Cassandra na carpa instalada no auditorio do parque a partir das 21.00 horas
O festival de arte urbana Istmo chega estes días á súa recta final con seis murais de gran formato a piques de finalizarse en diferentes puntos da cidade.
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, supervisou o estado das pinturas xunto cos seus creadores no día de hoxe.
Estas accións estanse a levar a cabo ata o domingo, 23 de abril, por unha selección de artistas do máis destacado do panorama internacional, nacional e galego. A dita selección estáformada por: Miguel Peralta (Andalucía), Sekone (Galicia), Peeta (Italia), Alba Fabre (Cataluña), Mr. Sortwo (Euskadi) e Iria Fafián (Galicia). Os espazos escollidos para a creación dos diferentes murais son: a praza das Conchiñas, CEIP María Barbeito, CEIP Alborada, Escola Municipal de Música, Piscina Municipal de Riazor e CEIP Rosalía de Castro.
“O evento pretende servir como motor rehabilitador, cultural, social e económico para acidade, mediante a rexeneración urbana, potenciando tamén un novo tipo de turismo diferenciado e especializado en arte na rúa”, apuntou a alcaldesa durante o percorrido polos murais. As persoas participantes neste festival levaron a cabo obras de diferente temática e estilo e algunha conta con referencias a Pablo Picasso, neste cincuenta aniversario do seu falecemento
O evento complétase este sábado cunha xornada musical gratuíta no parque de Santa Margarida, na que se reúne unha mostra da música urbana máis actual coa fusión tradicional e electrónica de Fillas de Cassandra (21.00 horas), un dos máis destacados artistas do hip hop nacional como é Bejo (22.30 horas) ou o trap sen complexos de Boyanka Kostova (00.20 horas). Todo isto acompañado dunha exhibición de pintura en vivo de dous artistas destacados do panorama galego como son Nove Noel ou Yoe33 a partir das 11.00 horas.