Friday 22 de November de 2024

Máis de 3.000 persoas participarán na carreira popular Coruña10 que se disputa este domingo


Os dorsais e as camisetas pódense recoller este venres e sábado en El Corte Inglés de Ramón y Cajal

A carreira popular Coruña10 reunirá nas rúas da coruña a 3.067 corredores e corredoras este domingo, 23 de abril. Estes datos supoñen a recuperación das cifras de participación previas á pandemia. Do total de persoas inscritas, competirán na categoría absoluta 2.181 persoas, e nas modalidades inferiores, 886. A proba arrancará ás 10.00 horas desde Porta Real e transcorrerá polos Cantóns, Linares Rivas e os terreos interiores do Porto, para rematar de novo na Mariña. O circuíto está homologado pola Federación Española de Atletismo.

A alcaldesa, Inés Rey, informou hoxe de que as persoas inscritas poderán recoller as súas camisetas e dorsais este venres e sábado na sección de Deportes de El Corte Inglés de Ramón y Cajal. O horario de atención será de 17.00 a 22.00 horas o venres e de 10.00 a 21.30 horas o sábado. Ademais, haberá a posibilidade de recoller o dorsal o domingo no espazo que se habilitará no Parrote, a partir das 09.00 horas e ata media hora antes do inicio de cada proba. Deste xeito búscase favorecer e facilitar a participación de persoas de outras localidades galegas.

A carreira contará con diferentes servizos

A alcaldesa detallou esta mañá os servizos a disposición dos e das participantes. No Parrote instalaranse diferentes espazos ademais do habilitado para a recollida de dorsais. Haberá un servizo de gardarroupa, que estará operativo de 09.00 a 12.00 horas. Tamén haberá un servizo de duchas, nas instalacións da Cidade Deportiva Arsenio Iglesias, na Torre de Hércules, ata as 13.30 horas. Para acceder a eles só fai falta presentar o dorsal de participación.

Haberá cinco caixóns de saída, diferenciados pola cor do dorsal e asignados en función dos tempos de inscrición. As persoas participantes deberán colocarse na zona acoutada que lle corresponda dez minutos antes da saída. A C10 contará coa colaboración da agrupación The Cobardes, que porá á disposición dos corredores e corredoras seis lebres para marcar diferentes ritmos de carreira, desde 37 a 60 minutos.

Haberá un servizo de avituallamento intermedio a partir do quilómetro 5, onde se repartirá auga ás persoas participantes. Tamén haberá outro avituallamento final. Ao longo do percorrido haberá colectores para depositar os envases.

A clasificación final da proba e os tempos de todas as persoas participantes mediranse mediante chip e publicaranse en directo na páxina web de Carreiras Galegas. As primeiras persoas clasificadas na carreira Coruña10 obterán distintos premios económicos en función da categoría e a súa procedencia. Haberá un total de 9.700 euros para os mellores corredores e corredoras. Ademais, aquelas persoas participantes que batan o récord da proba tanto na categoría masculina (28’09”) como na feminina (31’40”) obterán un premio de 2.000 euros, co que se duplica o premio económico da pasada edición.