Friday 22 de November de 2024

Novo obradoiro de expresión corporal para mulleres


Mañá abre o prazo de inscrición para participar en Desinhíbete, un obradoiro de expresión corporal que busca explorar a desinhibición, conectando coa propia sensualidade mediante dinámicas teatrais, de movemento, xogos e conversas a partir de experiencias vividas, enfrontando a vergoña e aprendendo a confiar no propio instinto, e fomentando o movemento e a expresión corporal libre e espontánea. Con esta actividade búscase aumentar a valentía e a diversión propias, reconectando co corpo a través da aceptación, fortalecendo a autoestima e mellorando o noso autoconcepto, desde un marco de coidado, escoita e bo trato.

É un obradoiro vivencial e, como tal, traballarase cunha metodoloxía activa e lúdica, baseada no movemento corporal, creando un clima onde ás participantes lles resulte doado falar, expresar as súas emocións, preocupacións e dúbidas, á vez que exteriorizan as súas habilidades e talentos.

O obradoiro realizarase os días 2, 4, 9, 10, 16 e 18 de maio, na Escoliña de Vilanova (Rúa María Estévez Diéguez 22, Nós), de 19:00 a 21:00 h, e vai dirixido a mulleres maiores de 16 anos empadroadas no Concello de Oleiros. Para asistir é imprescindible inscribirse previamente, sendo 16 o número de prazas ofertadas.

As mulleres interesadas en apuntarse poderán facelo desde o 21 ata o 27 de abril a través da web do Concello de Oleiros, no apartado Participa, na categoría de Actividades Sociais. Para obter máis información é posible contactar a través do 981 610 000 ou no correo electrónico igualdade@oleiros.org.