No marco do proxecto AYCH, 40 xóvenes reuniranse co obxectivo de crear propostas creativas e innovadoras para “reinventar a cidade do futuro”. As 5 mellores serán seleccionadas para participar no encontro internacional de Nantes en maio.
A Cámara de Comercio organiza este fin de semana o evento Local Creative Jam Hackathon, que terá lugar na súa sede. Durante dous días, o sábado 22 e o domingo 23 de abril, 40 xóvenes de entre 16 e 30 anos, reuniranse en Santiago co obxectivo de traballar na creación de propostas enfocadas no lema “Cara ó 2023: Reinventa a cidade do futuro”. As mellores propostas serán seleccionadas para participar como representantes compostelás no encontro internacional de Nantes no próximo mes de maio. O premio tamén inclúe unha tablet para cada persoa gañadora.
Ao encontro asistirá Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira de Urbanismo, Vivenda e Acción Cultural quen, en representación do goberno municipal estará presente durante o debate das propostas e se lle entregarán as conclusións das ideas presentadas.
O programa recolle unha formación previa nos campos da tecnoloxía e a Intelixencia Artificial,que os participantes deberán aplicar nas súas ideas e prototipos. Co enfoque posto en potenciar creativamente a cidade compostelá, a mocidade deberá traballar en grupos para finalmente presentar os seus proxectos ante un xurado que elixirá o equipo gañador.
Este evento forma parte do proxecto europeo AYCH (Atlantic Youth Creative Hubs), cuxo obxectivo é o de potenciar o emprendemento creativo entre a mocidade menor de 30 anos residentes nos países da área atlántica: España, Portugal, Francia e o Reino Unido. Ademais,
AYCH ten un impacto positivo na economía e no emprego rexional, ao fomentar o intercambio de ideas e a cooperación entre xóvenes internacionais.