A empresa Europamundo incluíu unha estancia no territorio galego dentro da súa convención anual na que participaron 119 membros da compañía turística
Dous grupos, conformados por 145 axentes turísticos pertencentes aos grupos Europamundo e Trafalgar, visitaron estes días a Comunidade galega para profundizar nun dos seus produtos estrela, o Camiño de Santiago.
No caso da maiorista Europamundo, un operador global que comercializa viaxes en todo o mundo, 119 axentes procedentes fundamentalmente dos países hispanoamericanos, incluíron a visita a Galicia dentro da súa convención anual celebrada recentemente en España. Na súa estadía en Galicia, os membros de Europamundo interesáronse polo Camiño de Santiago e a súa cidade meta, Compostela.
Por outra parte, a nosa comunidade tamén acolleu nestes días a un grupo de 26 axentes pertencentes ao operador turístico canadense Trafalgar, que na súa viaxe de prospección por España incluíu a Comunidade galega como destino turístico de interese para as súas viaxes.
Durante a visita a Galicia quixeron coñecer a oferta turística de Santiago de Compostela como cidade meta do Camiño e profundizar na Ruta Xacobea. Así mesmo, a través dunha presentación realizada por Turismo de Galicia, os membros do operador Trafalgar coñeceron a historia do Camiño e a dimensión do fenómeno xacobeo nos últimos anos.
Mercado americano
Polo que respecta á demanda turística do mercado americano cara a Galicia, en termos globais, esta experimentou neste ano 2015 —ata o mes de setembro— incrementos importantes tanto da cifra de viaxeiros aloxados como das pernoitas.
O mercado americano, en global, representa o 18,4% do total da demanda internacional de Galicia neste período, cifra que se reparte entre o 7,3% de EE.UU. e o 11,1% dos restantes países.