O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, participaron na presentación dos sinais, fabricados por Tejas Verea e froito dun proxecto de innovación da industria cerámica galega
O delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, presentaron hoxe a nova sinalización, realizada con tellas cerámicas galegas de vangarda, coas que se identifica fisicamente as empresas adheridas a Galicia Calidade e que quere ser un símbolo da aposta decidida da marca de garantía da Xunta de Galicia pola sustentabilidade.
No acto de presentación, celebrado no Hotel Bela Fisterra (Fisterra, A Coruña), participaron tamén representantes de Tejas Verea, fabricantes das tellas, e do propio establecemento hoteleiro no que se celebrou o evento e que está certificado tamén por Galicia Calidade. Na súa intervención, Ana Méndez salientou que a nova sinalización se enmarca na estratexia de Galicia Calidade pola sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a bioeconomía circular.
Pola súa banda, Trenor destacou que esta marca contribúe a representar a singularidade e o prestixio da Comunidade galega en todo o mundo. “Esta marca, vinte e cinco anos despois, segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando”, puntualizou o delegado territorial.
Os novas sinais, que xa se mostran fisicamente nas fachadas das instalacións das máis de 150 empresas que contan co certificado de Galicia Calidade, son elementos naturais e sustentables, froito da combinación de arxilas galegas de proximidade e elementos naturais como a auga e o lume, e fabricadas baixo criterios de economía circular.
Trátase dun modelo de tella plana resultado dun proxecto de innovación desenvolvido por Tejas Verea, que conta coa marca de garantía da Xunta. A implementación do logo de Galicia Calidade e acabado definitivo foi realizado polo estudo de deseño Cenlitrosmetrocadrado.
Galicia Calidade valora e promove o esforzo das empresas para contar con provedores e produtos locais, unha maior eficiencia enerxética, a xestión de acordo cos principios da economía circular (redución, reutilización, valorización dos produtos e substitución das materias primas de orixe fósil por outras de orixe vexetal), ademais da aplicación dos criterios ASG (protección ambiental, compromiso social e bo goberno) para continuar avanzando cara ao cumprimento da Axenda 2030.
Galicia Calidade é a marca de garantía da Xunta de Galicia que certifica a calidade dos produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima ou deseño galegos, merezan esta distinción. Na actualidade, conta con 151 empresas adheridas, con máis 780 produtos ou servizos avalados co selo de garantía, que engloban aos sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.