Friday 22 de November de 2024

O Concello activa tres novas bases de BiciCoruña e instala tres máis no polígono de Agrela, Marineda City e a contorna do hospital Abente y Lago


Este xoves entraron en funcionamento as estacións da praza de Indalecio Prieto, parque de Eirís e Catro Camiños, ampliando a 40 as bases xa operativas nos barrios da cidade

O Concello da Coruña, a través do servizo municipal de Mobilidade, completou esta mañá os traballos de instalación de tres novas estacións de BiciCoruña, situadas na rúa Gútemberg (polígono de Agrela), no camiño do Martinete lindeiro ao centro comercial Marineda City e, por último, na rúa San Francisco (na contorna do centro hospitalario Abente y Lago).

Para concretar a instalación da nova estación da rúa Gútemberg, localizada diante do centro de negocios de Agrela, foi necesario acometer previamente traballos de reurbanización na contorna, o que tamén permitiu ampliar o número de prazas de estacionamento en batería no lugar. Esta base conta con 23 ancoradoiros, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

A base de Marineda City, lindeira ao carril de saída do camiño do Martinete cara á avenida de Arteixo, conta con outros 23 ancoradoiros. A súa localización, próxima ao paso de peóns que dá acceso ao sector noreste do centro comercial, permite conectar rapidamente coa pasarela de uso peonil e ciclista que remata no carril bici da avenida de Arteixo.

A este respecto, Mobilidade ten previsto executar nos vindeiros días diversos traballos para mellorar a sinalización na contorna desta base.

No referente á nova base situada na rúa San Francisco, a súa instalación concretouse diante do xardín que hai diante do Museo Militar. A idea orixinal era que esta estación se instalase ante o Castelo de San Antón, mais cambiouse a súa situación co obxectivo de facilitar o acceso ao servizo de BiciCoruña nun enclave, a contorna do hospital Abente y Lago, que ten unha relación moito máis directa coa mobilidade da cidadanía.

No contexto dos traballos para instalar esta base, que conta con 15 ancoradoiros, levouse tamén a cabo un leve desprazamento dos espazos de estacionamento PMR, destinados a persoas con mobilidade reducida. Aproveitando a intervención, aumentouse a dotación de prazas PMR, pasando de tres a catro prazas.

A previsión é que estas tres bases entren en servizo en aproximadamente dúas semanas, unha vez completados os derradeiros trámites técnicos a executar polo persoal de Mobilidade, que implican traballos previos de electrificación e instalación de software, necesarios para que as estacións de BiciCoruña estean operativas.

As bases de Indalecio Prieto, Catro Camiños e o parque de Eirís, xa operativas

Por outra banda, hoxe activáronse as novas bases de BiciCoruña situadas na rúa Antonio Santiago —preto do mercado provisional de Monte Alto, na praza de Indalecio Prieto—, no espazo PMUS disposto en Catro Camiños, baixo o viaduto da avenida Alfonso Molina, e no parque de Eirís, na contorna da cúpula.

As novas estacións contan con 15 ancoradoiros no caso da base da rúa Antonio Santiago, 19 na do parque de Eirís e 23 en Catro Camiños, con cadansúas bases de carga para os vehículos.

Coa posta en marcha das bases da rúa Antonio Santiago, Catro Camiños e parque de Eirís xa son 40 as estacións habilitadas nos barrios da Coruña, para o uso e disfrute da cidadanía. Todas as bases están dispoñibles desde as 7.00 da mañá a 1.00 da madrugada, facilitando os desprazamentos laborais a primeira hora e tamén o regreso das persoas usuarias aos seus domicilios en horario nocturno.