• O programa conta con máis de 40 rexistrados na localidade
• O obxectivo é achegar ás persoas de máis de 50 anos a universidade, a través dun programa que lles permita dar resposta ás súas inquietudes e necesidades formativas
O Teatro dá Beneficencia de Ortigueira acolleu na tarde de onte a inauguración do Programa de democratización do coñecemento “Compartir experiencias e coñecemento” da Universidade Sénior da Universidade da Coruña.
No acto interviñeron o alcalde de Ortigueira, Juan Penabad, a subdirectora da Universidade Sénior da UDC e profesora da Escola Politécnica de Enxeñería no Campus Industrial de Ferrol, Elena Arce Fariña, e o profesor Alberto Sucasas Peón.
Participarán un total de 44 alumnos e alumnas maiores de 50 anos nun programa, entre abril e maio, que consta de tres módulos, con sesións teóricas de dúas horas, de 17 a 19 horas, e sesións prácticas, impartidas, en dous días a semana, por profesorado da Universidade da Coruña, nas que se abordarán diferentes temáticas.
O curso divídese en tres módulos diferentes: patrimonio social e cultural, ciencia e tecnoloxía e saúde e benestar.
A intención deste programa é achegar ás persoas de máis de 50 anos a universidade a través dun programa que lles permita dar resposta ás súas inquietudes e necesidades formativas, que vén desenvolvendo no municipio de Ortigueira desde o ano 2021.