A maioría das actividades concentraranse no claustro do Convento do Rosario
A Concellaría de Cultura de San Sadurniño organizou para a xornada deste venres varias actividades con motivo do Día do Libro que, ante a ameaza de mal tempo, se desenvolverán na súa maior parte no claustro do Convento do Rosario. Lecturas conxuntas, un photocall, intercambio de libros e outras propostas compoñen un miniprograma aberto á participación veciñal que se concentrará durante a mañá e que, ademais, virá acompañado de dous obradoiros impartidos pola poeta Dores Tembrás e un espectáculo para a rapazada do CPI.
Así, de 10 a 14:00h, polo claustro do antigo cenobio dominico distribuiranse distintos recunchos para que, quen queira, poida facer lecturas individuais ou sumarse á lectura colectiva dunha obra, participar en tertulias literarias acompañadas de chocolate servido de balde polo Concello, facer unha foto simpática no photocall ou intercambiar libros que traian da casa.
Todas as persoas que se sumen á iniciativa recibirán unha papeleta para entrar no sorteo de varios agasallos.Tamén o alumnado de Infantil e Primaria do colexio, para quen se ofrecerá ás 10:00h na Casa da Cultura o espectáculo de contacontos “Libros contentos” de Carmen Domech, mentres que a poeta con raíces en Ferreira Dores Tembrás dirixirá durante a mañá dous obradoiros creativos para a rapazada de Secundaria baixo o título “Elas, poesía de mulleres” e “Penélope”.
En relación cos libros e a dinamización da lectura, cómpre recordar que Cultura ten aberta a convocatoria para o programa “Biblioterapia” que se vai levar a cabo durante os meses abril, maio e xuño dirixido a persoas maiores de 70 anos.
Este proxecto piloto -do que falamos hai uns días- ofreceralles lecturas de fragmentos por teléfono, recomendacións, entrega de libros a domicilio e unha xuntanza mensual na biblioteca para falar de literatura e actualidade arredor dun café. Poráselle taxi a aquelas persoas que non teñan medio de transporte ou con problemas de mobilidade. Para participar na iniciativa hai que contactar con Anabel Gavín no 652 814 144.
A celebración do Día Internacional do Libro en San Sadurniño encádrase no traballo de dinamización que desenvolve a Biblioteca Municipal, que tamén puxo en marcha o pasado outono un exitoso club de lectura con arredor de 40 participantes entre os grupos de rapazada e persoas adultas.
Por outra banda, as actividades do venres serán o aperitivo da ampla programación deseñada por Cultura e a biblioteca para o mes de maio con motivo das Letras Galegas, dedicadas este ano ao intelectual e activista Francisco Fernández del Riego.