Friday 22 de November de 2024

O concello saca a licitación a construción da pista polideportiva xunto ao colexio de Paiosaco


O orzamento ascende a 156.500 euros.

A primeira pista polideportiva descuberta e de uso libre de Paiosaco será realidade en próximas datas. O Concello sacou a licitación o proxecto de execución deste novo equipamento que será construído nun sector da parcela recentemente adquirida polo Concello a carón do CEIP Alfredo Brañas.

A actuación presenta un orzamento máximo de licitación de 156.500 euros. Ademais da creación da pista cun pavimento deportivo e medidas interiores de 46×32 metros, contempla o marcado dos campos de xogo para as diferentes disciplinas (fútbol sala, baloncesto e balonmán), o cerramento perimetral da mesma cun valado de catro metros de catro metros de altura e a iluminación en báculos para facilitar o seu uso a calquera hora do día, para o que se requiren as correspondentes canalizacións soterradas do servizo eléctrico.

Para unha axeitada integración no entorno no que se sitúa, tamén se inclúen actuacións oportunas para favorecer a recollida de pluviais e a adecuación dos accesos desde a estrada por medio dunha beirarrúa que tamén comunicará a pista co colexio. De feito, o novo equipamento abrirá novas oportunidades para o centro educativo ao permitirse o seu uso durante o horario lectivo.

O lugar no que o Concello construirá esta pista polideportiva é un punto estratéxico da vila de Paiosaco ao complementar ás instalacións educativas (colexio), deportivas (campo de fútbol A Porta Santa e pavillón), culturais e sociais (centro sociocultural) xa existentes nas inmediacións.