Friday 22 de November de 2024

115 empresas e servizos composteláns reciben a distinción de calidade turística do SICTED


A Casa das Asociacións de Cornes acolleu onte o acto de entrega das distincións do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destino que en 2023 recoñecen a 115 empresas e servizos turísticos do concello. Santiago recibiu en Fitur o premio ao Mellor destino turístico Sicted de España deste ano 2023.

A Mesa de Calidade compostelá aprobou en novembro do ano pasado os informes de avaliación destas 115 empresas e servizos, que a súa vez foron posteriormente ratificados polo SICTED, para o que é preciso cumprir numerosos requirimentos en materia de organización, persoal, instalacións e equipamentos, comercialización, satisfacción do cliente, xestión medio ambiental e riscos laborais, entre outros.

A Mesa de Calidade ten coma membros ao Concello de Santiago, a Cámara de Comercio, a Asociación Hostalaría Compostela, a área de Calidade de Turismo de Galicia, a Asociación de Axencias de Viaxe Españolas de Galicia, Compostela Monumental, Acotés, o Santiago de Compostela Convention Bureau, a Asociación Compostelá de Taxis, a Fundación Santiago Centro, e a Asociación de Axencias de Viaxe de Galicia.

Neste acto de entrega das distincións correspondentes ao traballo realizado o ano pasado plasmouse todo o esforzo que se leva realizando tanto dende Turismo de Santiago como conxunto do sector privado na consolidación de Santiago como un destino cunha oferta de calidade, especialmente nos últimos anos.

Así, neste 2023 Santiago obtivo tres premios da Secretaría de Estado de Turismo polo seu esforzo no fomento da calidade, en especial a través do Sicted. Santiago foi elexido como Mellor destino Sicted neste 2023, destando o compromiso do Ente Xestor do destino, neste caso de Turismo de Santiago, en prol da competitividade dos servizos turísticos e do destino en xeral a través do fomento da calidade.

Ademais, Turismo de Santiago tamén obtivo o segundo premio na categoría de “Mellor proxecto de mellora de destino SICTED”, grazas a un Plan de Comunicación e Marketing do SICTED. O Plan desenvolveuse no 2022 cos obxectivos xerais de fomentar a calidad en destino e de promocionar os establecementos e empresas comprometidos coa calidade a través do SICTED.

Finalmente, as Casas do Cebro e de Afora obtiveron o terceiro premio na categoría de “Mellor actuación de Sostibilidade SICTED”. Ambas casas, ubicadas no lugar de Correxíns, na parroquia compostelá de Figueiras, exemplifican o compromiso coa calidade turística e a sostibilidade en Santiago. Nos últimos anos, dende Turismo de Santiago fíxose un traballo de asesoramento específico para apoiar a estes aloxamentos na introdución de innovacións encamiñandas cara a sostibilidade, seguindo os criterios marcados na Axenda 2030.