A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, presidiu esta mañá unha sesión extraordinaria do Consello de Participación Infantil do Concello no que participou alumnado dos centros de ensino Ayala, A Gándara, Jorge Juan, Piñeiros, Ponte de Xuvia, A Solaina e Virxe do Mar. En representación do Consistorio estiveron tamén presentes na convocatoria o edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, os responsables do equipo de Educación Viaria de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López, e o secretario xeral do Concello, Alfonso de Prado.
As alumnas e alumnos de sexto de Primaria dos diferentes centros presentaron á alcaldesa unha serie de propostas para levar a cabo na cidade. As comunicacións por autobús e tren na cidade, as zonas de estacionamento, a participación do profesorado e o resto de persoal dos centros nos Camiños Escolares Seguros, así como a instalación de puntos de control ao longo do camiño para acceder a máis premios, o aumento de pegadas por realizar novas accións no programa, a colocación de sinalización en linguaxe braille nos colectores de lixo, a instalación de xogos nos semáforos, a colocación de carteis advertindo da obrigatoriedade de que os donos de mascotas recollan os seus excrementos na rúa, a colocación de fontes de usos múltiples e a creación dunha canción rap sobre o Camiño Escolar formaron parte das propostas plantexadas. As alumnas e alumnos defenderon cada unha destas propostas e intercambiaron opinións coa rexedora local, que os felicitou “polo excelente traballo que realizastes ata chegar a este pleno, presentándonos unhas propostas que son moi interesantes e que están moi ben artelladas e defendidas pola vosa parte”.
A alcaldesa respostou a cada unha das iniciativas que, acompañadas dunha presentación e incluso de maquetas ou de orzamentos sobre o custe das mesmas, expuxo o alumnado, indicando cales das propostas eran máis viables e se poderían executar, comprometéndose a colaborar na medida do posible.
Ao remate do pleno, os escolares recibiron un certificado por colexio en agradecemento á súa participación neste Consello de Participación Infantil.