Friday 22 de November de 2024

O Observatorio contra a LGTBIfobia constata un leve descenso nos incidentes de odio na cidade


ALAS Coruña atendeu a 330 persoas durante o ano 2022

A concelleira de Igualdade, Benestar Social e Participación Cidadá, Yoya Neira, expuxo hoxe os detalles do informe anual que realiza o Observatorio contra LGTBIfobia. O documento, que elabora ALAS Coruña, é “unha ferramenta de gran valor para coñecer a situación do colectivo na cidade e un apoio imprescindible para orientar as políticas do Concello neste ámbito”, subliñou.

O informe correspondente a este ano, o quinto que se realiza, recolle que durante 2022 oservizo de atención de ALAS Coruña levou a cabo 330 atencións, 24 menos que o ano pasado. Así o detallou esta mañá a presidenta da entidade, Ana G. Fernández, que tamén apuntou que aumenta o número de nacionalidades diferentes atendidas, que pasan de 15 a 23, o ano de maior diversidade.

En canto ao tipo de asesoramentos mantense unha estrutura moi similar á do ano pasado: os de tipo social son os maioritarios, seguidos polos de tipo legal, sanitario, educativo e laboral, pechando a listaxe os acompañamentos que desaparecen finalizada a pandemia.

Rexistráronse 68 incidentes de odio, 14 menos que o ano pasado. Deles, 58 poden considerarse agresións á comunidade LGTBI. Os máis frecuentes son os insultos, que supoñen o 50 % do total, o que supón un incremento do 18,3 % con respecto a 2022.

As agresións (violencia física e verbal) supoñen o 22,06 % dos incidentes, seguidas dos ataques ao patrimonio. Xa a gran distancia atopamos un caso de agresión sexual e outro de denegación de servizos. A vía pública é o espazo onde máis se producen este tipo de incidentes, seguidos dos producidos no ámbito doméstico e no de lecer. Dos 68 incidentes, o 47,06 % (32) tiveron lugar na cidade da Coruña, fronte aos 41 rexistrados no informe anterior.

“O leve descenso das cifras, tanto de atención a persoas como nos incidentes de odio, resulta esperanzadora, pero non é suficiente”, sinalou Yoya Neira, quen destacou que, segundo os datos anuais do Ministerio do Interior, os incidentes de odio relacionados coa orientación sexual subiron un 67,63 % con respecto ao ano anterior e que se produce unha circunstancia especialmente alarmante: o número de menores vítimas destes incidentes subiu do 6,7 % do total ao 11 %.

“A protección dos dereitos dos menores é unha das prioridades do Concello e preocúpannos de forma especial os problemas de saúde mental que afectan a nenos e adolescentes: o medo a non encaixar e a dependencia do grupo son comúns a todos os adolescentes, pero en especial aos pertencentes ao colectivo LGTBI”, concluíu Neira.