Saturday 16 de November de 2024

Feijóo sitúa os Premios da Crítica como proba da vitalidade cultural de Galicia


Recoñece que en cada un destes premios “hai algo vivo; hai movemento, actitude, innovación. É o que se chama creatividade”, sinala, e Galicia “está viva porque sabe crear”, di

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que os Premios da Crítica buscan enxalzar a vitalidade da cultura galega, e considerounos unha mostra do espírito creativo e artístico de Galicia. Así o manifestou no acto de entrega destes galardóns que este ano celebran a súa XXXVIII edición.

O mandatario galego recoñeceu que en cada un destes premios “hai algo vivo; hai movemento, actitude, innovación. É o que se chama creatividade”, sinalou, e Galicia “está viva porque sabe crear”. Este rebulir constante de ideas, proseguiu, está presente en eidos como a literatura, a música, as artes plásticas e visuais, as producións escénicas e audiovisuais, na investigación, en diversas iniciativas para difundir os valores da cultura galega e, incluso, na cultura gastronómica da Comunidade; as modalidades que distinguen estes premios.

Segundo dixo, cada un dos traballos que optan a estes recoñecementos supoñen unha suma de propostas dentro da diversidade cultural de Galicia. E, nesta liña, o titular da Xunta felicitou á Fundación Premios da Crítica Galicia por estes galardóns.

Nesta edición foron, na categoría de música, para Guadi Galego; na categoría de iniciativas culturais, para Cineuropa; para Miguel Vila, na modalidade de cultura gastronómica; na de artes plásticas, para Xaquín Marín. En creación literaria a obra premiada foi “A viaxe de Gagarin” de Agustín Fernández Paz; en investigación, resultou galardoado o traballo “Historia da literatura galega II” de Xosé Ramón Pena Sánchez, e finalmente en artes escénicas a obra “Pan, Pan” de A Panadería Teatro