· A artista, nada en Madrid pero cun forte vínculo galego, coñece e inspírase no mar de Corme desde hai xa máis de tres décadas.
O Museo Man de Camelle acolle, ata finais do mes de abril, unha exposición de pinturas centradas na paisaxe da Costa da Morte, obra da artista Nuria Lira, unha pintora madrileña cun forte vínculo galego, concretamente con Corme.
Nuria Lira coñece e inspírase no mar de Corme desde hai máis de tres décadas. Adora a luz, as praias e os acantilados galegos. Da man de Ponteceso Cultura Permanente expón a súa pintura no Museo Man de Camelle, onde se pode apreciar a súa particular mirada da Costa da Morte, de recunchos especiais cun encadre diferente.
Ademais, Nuria pinta algas, algo moi característico na súa obra e a visión das cales nos achega a ese mar que ela tanto admira. A paisaxe é a súa forma de expresión e a Costa da Morte e a serra de Guadarrama son a súa fonte de inspiración.