O consistorio percibirá 22.000 euros do programa provincial, cos que financiará dous contratos durante cinco meses
O proceso selectivo farase a partir dun listado de aspirantes enviado polo SPEG
Moeche percibirá este ano 22.000 euros da Deputación da Coruña destinados a sufragar os custes do Plan de Inserción Laboral (unha das liñas do Plan de Emprego Local provincial), a través do que se van contratar dúas persoas para reforzar durante uns cinco meses os departamentos de Obras e Servizos. O PIL pretende mellorar as perspectivas de empregabilidade de persoas que, por distintas circunstancias (persoas maiores de 45 anos, mulleres, desempregadas/os de longa duración, etc.), teñen maior dificultade para atopar un traballo. Neste sentido, en cumprimento das bases do programa, o Concello remitiulle ao Servizo Público de Emprego de Galicia a solicitude dun listado de aspirantes que cumpran os requisitos, para logo efectuar entre elas e eles o correspondente proceso de concurso oposición de cara á cobertura temporal de ambos postos.
As prazas temporais convocadas son dúas. Unha de oficial/a de segunda que estea en posesión do carné C para facer pequenas obras de mantemento e para conducir tanto o tractor como o camión do lixo (contrato de 5,5 meses) e outra de oficial/a de terceira durante 5 meses a quen se lle require posuír o carné B (o do coche) para levar a cabo igualmente obras e outros traballos de conservación no municipio, aínda que neste caso apoiando a quen estea á fronte das tarefas.
Tal e como establecen as bases publicadas polo Concello, unha vez que a oficina das Pontes do SPEG remita o listado de persoas candidatas a cubrir ambos postos levarase a cabo o proceso selectivo, que consistirá por unha banda nunha fase de concurso para valorar obxectivamente as circunstancias familiares e persoais, así como a formación e máis a experiencia acreditadas. Neste apartado do proceso poderán obterse ata 4 puntos.
Posteriormente entrarase na fase de oposición, consistente nunha proba práctica que outorgará ata seis puntos. Aquí os exercicios serán distintos dependendo da categoría á que se opte, xa que as e os aspirantes a ocupar a oficialía de terceira deberán demostrar as súas habilidades con ferramentas e maquinaria manual, no manexo do tractor-rozador ou na simulación da recollida de lixo desde a parte traseira do camión, mentres que quen opte á praza de oficial/a de segunda condutor/a tamén deberá demostrar a súa aptitude para guiar o tractor coa rozadoira de brazo e o camión compactador. De feito, para este último posto tamén é necesario dispor do Curso de Aptitude Profesional.
O proceso de selección levarase a cabo en cuestión de días, contactando previamente con todas as persoas incluídas no listado do Servizo Público de Emprego para convocalas e comunicarlles a hora de cada proba. O tribunal cualificador estará formado por persoal da Administración pública con titulación igual ou superior á esixida para acceder ao posto ofertado.