Friday 22 de November de 2024

O Concello de Fene construirá unha pista pump track en Perlío


O pump track é unha disciplina deportiva que nos últimos anos espertou un grande interese entre a mocidade, sobre todo nos ámbitos urbanos. Basicamente consiste nun circuíto que pode percorrerse en bicicleta ou patín utilizando unicamente o impulso do propio corpo, cun trazado que combina pequenas subidas e baixadas que permiten completalo entre saltos e viraxes espectaculares. O Concello de Fene deseñou unha destas pistas enfocada á iniciación e o nivel medio que se construirá en Perlío, nunha parte da parcela que ocupa actualmente o antigo circuíto de coches radio control. O investimento previsto ascende a 48.350 euros e o consistorio agarda cofinancialo cunha achega da Xunta para equipamentos deportivos.

A parcela encóntrase na parte traseira do Edificio As Pías e do Hostal Perlío, con acceso desde as rotondas de entrada a Navantia Fene e relativamente preto da zona deportiva da Xunqueira. Trátase dun terreo que alberga desde hai máis de dúas décadas un circuíto para coches todo terreo radiocontrolados que hoxe se encontra en desuso.

O proxecto municipal contempla a construción da pump track no espazo libre que se encontra máis próximo á beirarrúa. No plano reflíctese unha infraestrutura deportiva coa feitura parecida á dunha pista de atletismo pero a pequena escala, xa que só serán 235 metros cadrados. Iso si, moi intensos, dado que se trata de dúas rectas paralelas de 1,5 metros de ancho por case 20 de longo cada unha, cheas de pequenos montículos e conectadas nos extremos por dúas curvas cun pronunciado peralte.

O percorrido total é, polo tanto, de 60 metros en sentido único, concibidos como unha pista que lle permita iniciarse no pump track “a rapazada e a persoas adultas”, pero que tamén ofreza boas sensacións para quen xa teña certa experiencia. De feito, no propio proxecto menciónase que se o circuíto ten o éxito agardado en canto a usuarias e usuarios, co tempo o Concello debería plantexarse construír outro de maior dificultade ao seu carón “no que poder celebrar competicións oficiais”.

As obras requirirán preparar o terreo e utilizar elementos construtivos -principalmente formigón e aglomerado asfáltico- adaptados ao uso que terá a instalación e ás condicións atmosféricas, con atención á durabilidade e á esixencia de que ofreza unha boa adherencia. O novo espazo tamén levará céspede artificial, sinalización horizontal e iluminación.

O orzamento ascende a 48.359,96 euros. O Concello de Fene xa solicitou informe da Dirección Xeral de Patrimonio (a zona de actuación está preto da igrexa de Perlío) e tamén confía en obter confinanciamento autonómico, despois presentar o proxecto á convocatoria de axudas da Consellaría da Presidencia, Xustiza e Deportes para o mantemento ou construción de novos equipamentos deportivos.