A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, destaca que os plans xerais de ordenación municipal integrarán por primeira vez criterios de integración paisaxística, unha novidade recollida na nova Lei do solo
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que por primeira vez os plans xerais de ordenación municipal deberán definir como se materializarán e aplicarán os criterios de integración paisaxística, para que as construcións e instalacións se adapten á contorna.
A titular de Ordenación do Territorio participou esta mañá, xunto co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, na presentación do libro Pagus. Galicia, un país de paisaxes, e outros materiais divulgativos enmarcados no “Proxecto Terra” onde engadiu que esta novidade é un dos fitos da nova Lei do solo. A modo de exemplo, recordou que as formas e os materiais deberán ser acordes co entorno e as cores das edificacións serán as tradicionais; xa que con estas pautas tamén se potencia a rehabilitación de calidade e se fomentan as formas propias de Galicia, rendibilizando o patrimonio. Ambos mandatarios reafirmaron o compromiso do goberno galego coa ordenación do territorio e a preservación do patrimonio, a través de iniciativas como o devandito “Proxecto Terra”.
Na súa intervención, a responsable de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio incidiu en que a Lei do solo recolle un triplo obxectivo: a ordenación territorial, o desenvolvemento rural e a protección da paisaxe; é dicir. Na nova lei, explicou Mato, a paisaxe -entendida como interese xeral- prevalece sobre a propiedade particular. “Coñecer, protexer e preservar é coidar do pasado, presente e futuro de cada un de nós”, recalcou.
Constante cambio
Beatriz Mato sinalou que a paisaxe é unha realidade en permanente cambio, en ocasións por circunstancias naturais e outras pola acción humana; neste senso, está nas mans de todos construír unhas paisaxes ordenadas e sostibles.
Lembrou que o Goberno galego traballou desde o primeiro momento para acadar os instrumentos e recursos necesarios e para iso cóntase coa Estratexia da Paisaxe Galega 2014-2016, que establece a elaboración do Atlas das Paisaxes de Galicia, unha ferramenta fundamental para a ordenación, mellora e restauración dos elementos que compoñen o noso territorio.
Este documento está constituído polas Directrices e o Catálogo das Paisaxes de Galicia. Este último acaba de pechar o seu proceso de participación voluntaria con máis de 200 axentes sociais e particulares nos 12 talleres divulgativos.
Proxecto Terra
Durante a presentación do libro Pagus. Galicia, un país de paisaxes, a conselleira puxo en valor o Proxecto Terra, no que se enmarca esta publicación e que foi impulsado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, e que ten por finalidade conseguir que a cidadanía perciba a ordenación do territorio e o urbanismo responsable como un piar da sociedade e no que a Xunta vén colaborando dende o ano 2003.
Asemade, desde o Instituto de Estudos do Territorio puxéronse en marcha iniciativas que afondan nese camiño, como a Axenda 21 Escolar de Galicia, 12 meses 12 paisaxes ou o programa Paisaxe e sustentabilidade, en colaboración coa Consellería de Educación, e no que participaron 24 centros, case 200 docentes e máis de 3.000 alumnos no curso 14-15. Por último, salientou que a conciencia social entre os máis novos é un aspecto fundamental para a protección e conservación da paisaxe galega, polo que “todos temos unha responsabilidade coa paisaxe do presente e do futuro”.
Primeiros en ofertar a materia de Paisaxe e Sustentabilidade
Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez reiterou a importancia do Proxecto Terra no eido educativo e a súa contribución á mellora do coñecemento que os escolares deben ter da nosa arquitectura e identidade territorial. De feito Galicia é a primeira comunidade autónoma en incorporar neste curso a materia de Paisaxe e Sustentabilidade como disciplina libre configuración autonómica e de elección de centro, e que se está impartindo entre máis de 600 alumnos e alumnas de 1º de ESO de 14 centros educativos. Precisamente, ao longo da xornada de hoxe presentaranse as novas unidades didácticas sobre Paisaxe, que xa foron enviadas de xeito gratuíto a todos os centros de Secundaria de Galicia
Segundo explicou Román Rodríguez, a incorporación desta materia ao currículo permitirá espertar entre os escolares a cultura da curiosidade e do coidado polo noso territorio; e augurou “resultados proveitosos” neste proceso educativo a medio e longo prazo porque “as xeracións máis novas, pouco a pouco valorarán máis estes aspectos e coidarán máis do Territorio”, concluíu.
Así mesmo, dentro do Plan Proxecta de innovación educativa que leva catro anos funcionando, o conselleiro comprometeuse a seguir promovendo entre o alumnado a importancia da xestión intelixente do territorio; e fomentando a pertenza a unha comunidade e o respecto pola preservación do patrimonio e a paisaxe.