A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, desprazáronse esta mañá xunto coa técnico de Normalización Lingüística do Concello de Narón, Adela Pita, ata Vilagarcía de Arousa para participar no acto de presentación do programa de actividades para os vindeiros meses de Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega. A asociación, que é xestionada a través dos servizos de normalización lingüística de dezanove concellos, inclúe entre os seus obxectivos fundamentais promover e dinamizar o emprego do galego. Con esta premisa hoxe presentáronse as accións que se desenvolverán no primeiro semestre do ano e que converxen baixo a campaña É túa. Pásaa!. Este é o lema amosado a través de lonas en edificios municipais dos concellos participantes e esta mañá desvelouse que tamén é o retrouso da pegadiza canción que focaliza a mensaxe.
Na rolda de prensa participaron ademais de Marián Ferreiro otras alcaldesas e alcaldes e tamén edís, técnicos de normalización lingüística de varios municipios galegos e representantes da Deputación de Pontevedra. Leticia Santos Paz, vicepresidneta de Alingua e alcaldesa de Moaña, comezou explicando os retos e funcionamento da asociación. “Alingua é unha asociación de entidades locais que é consciente das vantaxes do traballo cooperativo, da importancia fundamental da colaboración para a política lingüística, pois ademais de permitir rendibilizar esforzos, axuda a visibilizar as accións que se realizan para dinamizar o uso da lingua, facendo que acade un maior impacto e incidencia na sociedade.
O lema elixido para a nova campaña é É túa. Pásaa!. Esa expresión xa se adiantou durante os últimos días amosándoo a través de grandes lonas penduradas das fachadas de edificios municipais dos dezanove concellos que forman parte de Alingua e en valos publicitarios. Para dar continuidade á campaña repartirase material promocional como vinilos e bandeirolas, para que a veciñanza e os colectivos poidan facer visible o seu apoio a esta campaña e tamén para que aquelas persoas que non falan galego, se animen a dar o paso. No mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto, na que tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada protagonista fará un capítulo semanal con distintos desafíos e relatará a súa experiencia na transición lingüística. Alingua tamén publicará nas súas redes sociais os próximos meses entrevistas a persoas de diversos ámbitos que achegarán as súas vivencias coa lingua, novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño, entre outros contidos.
Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, é unha entidade da que forman parte dezanove concellos galegos: A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Carballo, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa; e a Deputación de Pontevedra como membro amigo. Pode formar parte de Alingua calquera entidade que teña como obxectivo a defensa e a promoción do uso da lingua galega. As entidades locais que compartan este obxectivo e o desenvolvan a través de servizos de normalización lingüística poden ser socias.