Saturday 16 de November de 2024

Un total de 14 proxectos optan a deseñar o novo mercado e centro de saúde de Santa Lucía


O prazo para a presentación das propostas rematou o pasado día 3 de abril. Nas vindeiras semanas, o xurado reunirase para avaliar os proxectos

Un total de 14 proxectos optan a redactar o proxecto de reforma e remodelación do mercado de Santa Lucía, no barrio da Falperra. A instalación, que conta con 3 millóns de euros para rehabilitar a parte municipal, funcionará como centro cívico, centro de saúde e tamén mercado, para o que se reservan 400 metros cadrados no inmoble.

As bases administrativas do concurso de ideas para rehabilitar o mercado de Santa Lucía aprobáronse o 15 de febreiro en Xunta de Goberno Local, coa posterior apertura dun prazo de 45 días naturais para que as persoas concursantes fixesen entrega das súas respectivas propostas, prazo que rematou o día 3 de abril. Tras esta fase, validouse a documentación presentada por un total de 14 participantes.

As bases deste concurso de ideas establecen a redacción completa do proxecto básico e deexecución para a rehabilitación do edificio, incluíndo o estudo de seguridade e saúde, así como o de xestión de residuos e das certificacións enerxéticas precisas para que a instalación siga os estándares marcados pola normativa da UE.

O xurado, composto por oito persoas

O comité que determinará a proposta gañadora do concurso de ideas para rehabilitar o mercado de Santa Lucía está composto por oito persoas —un presidente, seis vogais e un secretario—. Tres dos integrantes están adscritos ao Concello da Coruña e outros dous arquitectos ao Sergas. Completa o xurado un profesional asociado ao Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e outro da Escola Técnica Superior de Arquitectura, ambos os dous como vogais.

Nas vindeiras semanas, o xurado reunirase para avaliar os 14 proxectos presentados.

Destínanse un total de 45.000 euros ao concurso de ideas do que sairá o proxecto de Santa Lucía. Haberá un primeiro premio de 20.000 euros, un segundo de 15.000 euros e dous accésits de 5.000 euros cada uno.

O autor ou autora do proxecto gañador encargarase tamén da redacción dos proxectos básicos e de execución, así como da dirección de obra, para o que se prevé un investimento máximo de 473.000 euros.