A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, e o presidente da Asociación Cultural Musical de Narón “Sementeira”, Francisco Lois Ramos, asinaron no Concello un convenio de cooperación no eido da actividade musical entre o Padroado da Cultura de Narón e a citada asociación. O importe do convenio, en vigor ata finais deste ano, é de 55.500 euros, tal e como se especifica no documento.
Dende Sementeira impartiranse clases de solfexo e instrumentos de vento e percusión do primeiro ao quinto nivel, mantendo a actividade dunha banda de música con 35 integrantes como mínimo que realizarán doce concertos ao ano na cidade. Francisco Lois valorou a achega económica do Concello para continuar impartindo clases de música e tamén difundindo o traballo da banda de música da asociación.
Pola súa banda, Ferreiro trasladou ao presidente de Sementeira os parabéns polo traballo que realizan ao longo do ano dende a Escola de Música e as diversas agrupacións musicais que integran a entidade: a Banda Infantil de Narón, a Xove Banda de Narón e a Banda do Garaxe. “É unha satisfacción ver como unha agrupación musical como Sementeira, cunha traxectoria máis que consolidada dentro e fóra da cidade, continúa na primeira liña cultural, formando a moitas persoas e dando concertos que nos permiten desfrutar dese gran traballo”.