Friday 22 de November de 2024

Juan Fariña esixe á alcaldesa que restitúa de inmediato as papeleiras que eliminou no parque de A Fragachá


Alternativa dos Veciños afea as pintorescas teorías da alcaldesa respecto dun elemento tan básico e sinxelo do mobiliario urbano (presente en todo o planeta) como son as papeleiras, cualificándo ditas teorías como caprichosas e extravagantes

Primeira curiosidade: Todo comeza coa pandemia covid19. Naquel momento a alcaldesa de Bergondo ordena retirar as papeleiras presentes no parque da Fragachá (supostamente para que os usuarios do parque non se contaminasen ao tocalas). A primeira incongruencia que debemos apuntar é que dita medida (razoable ou non) non foi aplicada en ningún outro parque do municipio. Só na Fragachá se podía dar unha hipotética contaminación covid polo uso das papeleiras?

Segunda curiosidade: Sexamos xenerosos e demos por boa a posibilidade de que tal medida só se aplicara nese parque porque é un lugar que concita a presenza de moita xente (mesmo veciños e veciñas de Sada o empregan) e iso -unha certa masificación- puidese xustificar a medida nese parque e non noutros. Pero aínda dando por boa esa posibilidade, por que cando retornou a chamada nova normalidade non retornaron tamén as papeleiras á Fragachá?

Terceira curiosidade: A pesar das reiteradas peticións de veciños e usuarios do parque, do concelleiro Juan Fariña e doutras formacións políticas, a señora alcaldesa négase de xeito contumaz a repoñer as papeleiras ao seu sitio neste lugar.

Cuarta curiosidade: A alcaldesa sostén, contra vento e marea e dende hai anos, a idea de que en Bergondo non temos persoal para baleirar as papeleiras… Triste concello o noso, onde baleirar 3 ou 4 ducias de papeleiras constitúe unha dificultade insalvable!!

Quinta curiosidade: Noutros lugares do municipio non só se manteñen estes elementos, senón que na renovación dalgúns parques substituíronse as vellas por unhas novas e mesmo se colocaron outras en lugares onde previamente non existían (exemplo; exteriores do edificio da Senra). Daquelam como casa a mediocre e triste idea de que non temos capacidade como concello para baleirar papeleiras co aumento no número das mesmas?

Sexta curiosidade: Nunha pregunta plenaria apropósito deste asunto de A Fragachá a alcaldesa manifestou que co uso das papeleiras non se recicla ben o lixo. Debemos recoñecerlle que dita teoría é do máis innovadora, rompedora e mesmo vangardista. Agora ben, provócanos serias dúbidas: Debería desbotarse este sistema en todas as vilas e cidades do mundo xa que é un método ineficiente en materia de reciclaxe? Está todo o planeta equivocado? A teoría da reciclaxe só aplica na Fragachá xa que -polo visto- no resto do concello permanecen as papeleiras e mesmo medrou o seu número e polo tanto cabería deducir que no resto de Bergondo si se recicla ben no momento de usar as papeleiras? Son a xente ou usuarios da Fragachá xente especial, no sentido negativo da palabra? Como conxuntar todas as teorías e explicacións da alcaldesa nunha hipótese unificadora que teña un mínimo sentido?

En vista da mediocridade manifesta, das explicacións extravagantes e da vulgar filosofía que aplica na xestión do público a actual alcaldesa (mesmo en asuntos menores coma este das papeleiras) Juan Fariña esíxelle a Pérez que restitúa de inmediato as papeleiras á Fragachá, tal e como lle reclaman multitude de persoas dende hai xa anos.
Por outra parte, dende Alternativa anunciamos que cando xestionemos o concello, xa dende a alcaldía, tomarémonos en serio estas cuestións, polo demais tan básicas. Melloraremos e incrementaremos o mobiliario urbano en todo o municipio. O Bergondo do futuro comezará a construírse moi pronto, xa falta menos.