Este ciclo de actuacións de música populares constitúe un recoñecemento aos numerosos peregrinos que acadan a etapa final do Camiño
O ciclo “Música no Camiño” continúa difundindo a cultura galega nas mañás dos domingos entre os centos de peregrinos que chegan cada fin de semana a Santiago de Compostela.
Estas actuacións de bandas de música populares desenvólvense na Praza da Inmaculada en Santiago de Compostela unha vez rematada a misa do Peregrino, comezando ás 13.00 h. aproximadamente e cunha duración de sesenta minutos.
A iniciativa buscar constituír un agradecemento a eses numerosos peregrinos que acadan a etapa final do Camiño, que no que vai de ano superan xa os 256 mil.
Así mesmo, o obxectivo de “Música no Camiño” é contribuír na divulgación, defensa e promoción das Bandas de Música Populares Galegas en particular e da música galega en xeral.
Así, estes concertos permiten aos numerosos peregrinos que chegan a Compostela deleitarse coa música popular galega sen ter que realizar ningunha reserva previa e sen ningún tipo de custe. Un momento gratificante despois do esforzo e o sacrificio realizado durante todo o Camiño por todos aqueles peregrinos que realizan a Ruta Xacobea.
Banda de Música “Unión Guláns”
A actuación de mañá corre a cargo da Banda de Música “Unión de Guláns” que, dirixida por Alicia Porto Fernández, interpretará un total de nove pezas.
A “Unión de Guláns” comezou a súa andadura en 1870 nesta aldea da vila de Ponteareas sendo unha das bandas de música máis antigas de Galicia.
Próximas actuacións
Nos próximos domingos de novembro terán lugar as seguintes actuacións:
15 de novembro: Banda de Música Municipal de Valga
22 de novembro: Banda Artística de Merza
29 de novembro: Banda de Música Cultural e Recreativa de As Pontes
SAÚDOS, COMUNICACIÓN DA XUNTA DE GALICIA