Friday 22 de November de 2024

A Laracha intégrase no polo de emprendemento da Costa da Morte


Ofrécese asesoramento continuado e titorización profesional a emprendedores que pretenden impulsar ou consolidar proxectos empresariais na zona.

A Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego é unha iniciativa da Consellería de Promoción Económica e Emprego da Xunta de Galicia a través da que se ofrece asesoramento especializado a emprendedores para impulsar e consolidar proxectos empresariais por toda a xeografía galega.

A rede está estruturada actualmente en oito polos activos. Durante os primeiros meses deste programa, A Laracha foi integrada no polo das Rías Altas e Arco Ártabro, con sede en Ferrol. Coa finalidade de facilitar ás empresas e emprendedores laracheses o acceso ás oportunidades que ofrece a rede, o Concello solicitou o cambio de polo e formar parte do da Costa da Morte. Por tanto, desde agora a oficina de referencia será o Centro de promoción rural EFA Fonteboa, situado no lugar de Feiranova do Concello de Coristanco.

Desde o Concello da Laracha anímase aos empresarios e emprendedores laracheses que pretendan impulsar proxectos de negocio cunha vinculación directa con Bergantiños e a Costa da Morte a coñecer as oportunidades que lle ofrece a Rede de polos de emprendemento e apoio ao emprego. Pódese ampliar información na web https://polosemprendemento.gal/.