A Biblioteca municipal e a Axencia Municipal da Gándara retoman dende hoxe, e ata o vindeiro 22 e 21 de abril respectivamente, a proposta “Trocolibro”, unha actividade de intercambio de libros entre as persoas usuarias das citadas instalacións. A concelleira responsable da área, Mercedes Taibo, avanzou que se instalará unha mesa para realizar ese intercambio na sala xeral da planta baixa. “Poderán levar libros da mesa as persoas que o desexen, independentemente de que deixen ou non outro a cambio”, explicou, informando que o máximo de libros para doar ou levar é de un por persoa.
Así mesmo, a edil naronesa informou que dende hoxe están abertas as inscricións para participar nas visitas guiadas ao edificio da Biblioteca municipal, onde se ensinarán as instalacións e se explicarán os servizos que se prestan á cidadanía. As visitas están programadas para este xoves e venres, ás 18.00 e 11.00 horas, respectivamente, e terán lugar polas catro plantas da Biblioteca, a do sótano, coa sección infantil, bebeteca, sala de exposicións e actividades; a baixa, coa hemeroteca, sección de información e referencia, de audiovisuais e xuvenil; a primeira, coa sección de adultos e arquivo de depósito de libros e a segunda, coa sección de adultos (materias), seminarios, sala de usos múltiples e de informática.
Taibo explicou que tamén se programaron visitas guiadas ás instalacións da Axencia de lectura municipal da Gándara e a Aula de Informática da Casa da Mocidade, para este venres ás 17.30 horas. Neste caso, tamén se informará aos asistentes sobre as instalacións e os servizos que se prestan e dos que poden facer uso. Tanto no caso das da Biblioteca como nestas últimas, as inscricións poden realizarse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ao teléfono 981 382 173.