Friday 22 de November de 2024

O servizo municipal de xardíns introduce ao alumnado de cociña do obradoiro Fórum Dual no cultivo das aromáticas


A xornada didáctica rematou cunha plantación de distintas especies de uso culinario no horto da Escola de Hostalaría de Carballo

O alumnado de cociña do obradoiro de emprego Fórum Dual sabe moito máis sobre plantas aromáticas grazas á colaboración do servizo municipal de xardíns, que organizou unha masterclass impartida pola enxeñeira técnica agrícola e paisaxista Carmen Alonso Díaz, responsable tamén do deseño das zonas verdes e da elaboración do catálogo de árbores do concello de Carballo.

A xornada didáctica incluíu unha primeira parte teórica na que, por unha banda, a técnica explicou a evolución e o uso das plantas aromáticas ao longo da historia, na que as especias mesmo chegaron a desenvolver un papel fundamental como moeda de cambio. Tamén explicou os usos actuais que teñen, tanto o culinario, de especial interese par ao alumnado, coma o farmacéutico, o cosmético ou o agrícola, sobre todo como repelentes e/ou detectoras de pragas e enfermidades.