A Consellería de Infraestruturas e Vivenda estudará os itinerarios e puntos de parada máis axeitados no interior da cidade, máis alá da estación de autobuses, tendo en conta o tráfico e as necesidades dos usuarios
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda inicia os traballos para a mellora dos percorridos e paradas do transporte interurbano ao centro da cidade da Coruña, co obxectivo de mellorar a mobilidade dos cidadáns. Trátase dunha iniciativa incluída no marco do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que quere incrementar os posibles itinerarios e paradas das liñas interurbanas, máis alá das estacións de autobuses, así como a súa incidencia no tráfico urbano.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda estudará os itinerarios e puntos de parada máis axeitados no interior da cidade, coa fin de elaborar o Plan de Accesibilidade do Transporte Interurbano aos Centros das Cidades.
A directora xeral de Mobilidade convoca ao concelleiro do ramo a manter unha xuntanza para colaborar neste obxectivo. Nunha carta remitida ao Concello, Helena de Lucas lembra que a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano supuxo unha modificación nas tarifas do sistema de transporte, pasando a un modelo de tarifas sinxelas, que se traduce no aforro dos transbordos e prezos bonificados e maiores descontos por uso recorrente. E sinala que o Goberno galego entende que o seguinte debe pasar por mellorar o tempo de viaxe, cuestión que está modulada pola conectividade das redes de transporte urbano e metropolitano, e nos puntos de acceso deste último sistema de transporte nos ámbitos urbanos.
Así mesmo, durante a reunión, avaliarase a posibilidade de facer coincidir esas paradas coas do autobús ao aeroporto, facilitando os transbordos e reforzando a conectividade da terminal.
Para levar a cabo este traballo se solicitou información ás empresas de transporte sobre os principais puntos de interese dos seus usuarios e considérase interesante manter reunión cos concellos para conseguir o maior consenso posible no plan de accesibilidade.
Os estudos que agora comezan abordarán a oferta actual de servizos de transporte público en autobús urbano e interurbano, con especial énfase nos servizos metropolitanos. Este estudo incluirá os percorridos das liñas, a localización das paradas, os horarios e frecuencias dos servizos, os tempos, e toda aquela información que fose necesaria para a completa definición dos servizos actualmente ofertados.
Así mesmo, concretaranse propostas de reordenación e/ou reestruturación do servizos interurbanos e metropolitanos, contemplando unha ou varias alternativas, priorizadas entre si, e definindo os novos itinerarios de penetración e paradas das liñas interurbanas e metropolitanas na cidade e a súa interconexión coas liñas urbanas, tendo en consideración os seguintes aspectos:
– maior satisfacción directa das demandas de mobilidade dos cidadáns
– menor tempo de viaxe, incluídos posibles transbordos
– maior grado de cobertura e conectividade das redes de transporte en concorrencia
– maior fluidez do tráfico dos servizos colectivos e a menor afección ao tráfico en xeral e
– capacidade xeométrica do viario que se propoña para a entrada e saída dos autobuses (radios de xiro e dimensións)
Ademais, para cada proposta de reordenación e/ou reestruturación dos servizos analizarase a súa incidencia sobre o tráfico rodado da cidade e estudarase a capacidade xeométrica do viario que se contemple para o acceso dos autobuses ao centro urbano da mesma.