Friday 22 de November de 2024

O Concello acomete a renovación do parque infantil da praza de Juan Naya, en Zalaeta


A actuación supón o cambio do pavimento e a instalación de seis novas estruturas de xogo

O Concello da Coruña está a acometer traballos de renovación do parque infantil da praza de Juan Naya, en Zalaeta. A actuación forma parte do Plan Integral de de Parques Infantís, que ten como obxectivo a mellora destes espazos para nenos e nenas, creando ademais áreas totalmente accesibles.

Os traballos na praza de Juan Naya xa comezaron e suporán a renovación do pavimento de caucho, punto no que se atopa nestes intres a actuación, e a instalación de seis novos xogos de distinta tipoloxía. Entre eles atópase un novo columpio adaptado para nenos e nenas con mobilidade reducida e un twister inclusivo.

Ao mesmo tempo que se acomete esta actuación estase a renovar o pavimento doutros tres parques infantís da cidade. Trátase dos da praza de Mestre Mateo e paseo das Pontes, cuxos traballos xa finalizaron, e do de Santo Amaro.

O Plan Integral de Parques Infantís inclúe a creación de máis de 100 prazas adaptadas en cinco espazos da cidade, actuacións que se irán concretando nas vindeiras semanas e que permitirá que menores con mobilidade reducida ou limitada poidan facer uso tamén dos xogos infantís.