Friday 22 de November de 2024

A Xunta convida aos escolares galegos a participar na oitava edición do Concurso de Debuxo Picasso


O director xeral de Cultura participa na presentación da nova edición desta iniciativa da Asociación da Prensa da Coruña que, un ano máis, conta co apoio do Goberno autonómico

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, animou hoxe aos escolares galegos a participar na oitava edición do Concurso de Debuxo Picasso impulsada pola Asociación da Prensa da Coruña para “seguir afondando e reivindicando a pegada galega do artista na súa vida e obra e divulgalo entre os máis novos nun ano que é máis oportuno que nunca xa que se conmemora o 50 aniversario da súa morte”, expresou.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades salientou a capacidade deste concurso por “fomentar o estudo de Picasso e a creatividade dos máis pequenos a través dunha iniciativa que ten demostrado o seu poder de convocatoria nos últimos anos”. Recordou que se aliña coas distintas actividades en marcha este ano con motivo da efeméride, como a exposición que se pode ver no Museo de Belas Artes da Coruña, Picasso branco no recordo azul, que reúne unha escolma de 120 pezas -preto de 70 da autoría do artista- nas que se pon en valor a pegada que A Coruña deixou na obra do artista e que inclúe tamén actividades especiais e visitas para escolares.

O concurso, organizado pola Asociación da Prensa da Coruña, co apoio da Xunta e a colaboración do instituto IES Eusebio da Guarda está dirixido a alumnado desde 3º Primaria a 4º da ESO. Os participantes terán que emular os xornais que Picasso elaborou durante a súa estadía na Coruña. Poderán participar de forma individual ou en grupo cun número máximo de tres e poderán optar a calquera dos tres premios: Mellor xornal, Mellor Ilustración e Mellor redacción. Ademais, distinguirase con accésit un mínimo de cinco obras de cada unha das categorías.

Os traballos remitiranse nun sobre pechado, por correo certificado, á Asociación da Prensa da Coruña (rúa Durán Loriga, nº10, 4º). O sobre levará o nome completo do profesor responsable do alumno así como o nome e dirección do colexio, ademais da indicación Concurso de Debuxo Picasso. A data límite para enviar os traballos será o 26 de maio. O xurado emitirá a súa resolución en xuño de 2023 e os mellores do concurso tamén serán amosados nunha exposición conxunta na Coruña.