Saturday 16 de November de 2024

O BNG pide o arranxo inmediato dunha estrada nos Muíños


A veciñanza dos Muíños, na parroquia de Oleiros, contactou co BNG ribeirense para mostrar o seu malestar polo afundimento que está a producirse na estrada que atravesa o lugar. A concelleira Cruz Rivadulla contactou cos residentes e comprobou como as fochancas están xerando tanta inseguranza viaria que tiveron que sinalizalas eles mesmos para evitar desgrazas.

Desde o BNG lembran que en setembro de 2022 nesa estrada realizáronse unhas obras para dotar de servizo de saneamento que implicaban a instalación de case dous quilómetros de tubaxes. Os traballos tiveron un investimento económico de 237.308,83 euros. Para Rivadulla o goberno local descoida as parroquias xa que non garante a boa calidade das obras públicas que se fan, “hai que manter en bo estado as estradas, e iso non o están facendo” segundo afirmou. Unha vez concluídas as obras de saneamento estado no que quedou a calzada é lamentable o que ocasionou que debido ao elevado tráfico -tamén de camións pesados que transportan madeira dos montes- que hai nesa zona unha parte da calzada cedese provocando fochancas que foron sinalizadas polos veciños debido ao perigo que iso implica.

“Estamos ante un goberno esgotado xa que as obras foron aprobadas en 2019, tardaron tres anos en comezarse, facéndose en 2022. Agora, un ano máis tarde, a estrada xa está a afundirse, algo que non é normal polo que lle pedimos responsabilidades goberno local e o seu arranxo inmediato para evitar perigos” concluíu Rivadulla.