Friday 22 de November de 2024

O goberno de Sánchez Bugallo traballa nunha proposta de transporte a demanda para mellorar as conexións do rural


O alcalde explicoulle á veciñanza de Verdía o proxecto do novo parque infantil que se ubicará ao carón da vella estación, como solicitaban desde a parroquia, que contará ademais cunha zona de biosaudables.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2023. Coa próxima aprobación da licitación do novo servizo de transporte urbano, prevista para o próximo luns, o goberno de Sánchez Bugallo traballa xa nunha proposta de transporte a demanda que complemente o servizo de autobús urbano e permita conectar mellor o rural co centro.

Trataríase dun servizo que, segundo explicou o alcalde, comezaría cun proxecto piloto, mercando dous microbuses “que máis adiante poderían incrementarse”, co obxectivo de que “aqueles núcleos do rural, especialmente na zona norte, que polo seu volume de demanda non sexa posible definir unha liña de transporte ordinaria, poidan ver atendidas as súas necesidades con este servizo”.

Este novo servizo no que se está a traballar viría a complementar o novo contrato de transporte público co que “xa se melloran tamén as conexión entre centro, os barrios e o rural máis próximo”.

Isto débese a que a renovación completa da flota virá acompañada dun novo deseño de itinerarios de paradas e o incremento das frecuencias. Especial atención nos centros de traballo, cun reforzo das conexións cos polígonos empresariais, e entre os campus universitarios, co obxectivo de impulsar unha mobilidade sostible promovendo o uso do transporte público.

Tamén na liña dos servizos, Sánchez Bugallo recalcou que nas próximas semanas comezará a renovarse todo o alumeado público, logo de ser adxudicado o novo contrato de iluminación.

Nova zona de ocio infantil en Verdía

Un parque infantil con área biosaudable ao carón da antiga estación de Verdía: é un dos proxectos que o alcalde lle presentou á veciñanza da parroquia nun encontro este sábado: “queremos facer desta unha parroquia con mellores dotacións municipais que ofrezan oportunidades de ocio para a vente nova e, tamén, lugares de encontro para a veciñanza” explicou o alcalde.

Cunha inversión que rondaría os 55 mil euros, o parque infantil aproveitaría algúns dos xogos do actual parque sito ao carón do centro sociocultural, previa reparación. Ademais incorporará novos xogos adaptados a distintas idades e condicións físicas como un circuíto de redes multifución.

O espazo contará cun pavimento continuo absorbente de impactos na área de xogo e, ao carón, disporase dunha zona de biosaudables para dar servizo a unha poboación adulta dispoñendo dun espazo interxerancional para uso das familias da zona.