Friday 22 de November de 2024

Éxito na estrea do ‘Día do Deporte na Rúa’ en Bergondo


● O Albergue de Gandarío acolleu este sábado unha xornada dedicada á exposición e práctica dunha vintena de disciplinas deportivas.

● Escalada, tiro con arco, fútbol praia, remo, tenis, vóley ou parkour foron algunhas das modalidades que os asistentes puideron probar.

Éxito rotundo na estrea do ‘Día do Deporte na Rúa’, unha iniciativa que o Concello de Bergondo organizaba por primeira vez este sábado. O Albergue de Gandarío exerceu como escenario da estrea dunha ampla xornada dedicada á exposición e práctica de máis dunha vintena de disciplinas deportivas.

A xornada, que tivo unha gran acollida por parte dos bergondeses e as bergondesas, arrincou ás 12:00 horas con dúas horas de demostracións de ‘kaia kenyu’, fútbol, ximnasia rítmica e tenis. Pola tarde, tras o descanso para comer, de 16:00 a 18:00 foi a quenda para as demostracións de ciclismo, remo, atletismo e salvamento acuático. En total, oito exhibicións para mostrar a estética e o entretido de cada un destes deportes.

Pero máis aló do interese que espertaron estas exhibicións, todas as persoas que acudiron ao Albergue de Gandarío puideron gozar de probar nas súas propias carnes ata 15 diferentes disciplinas.

Así, ao longo de todo o día, persoas de todas as idades practicaron desde escalada a tiro con arco, pasando por triciclos, parkour e skate, vóley, tenis, bádminton, minigolf, xogos populares, kaiaks, remo, remo ergómetro ou fútbol praia. Ademais, houbo espazo para descubrir deportes máis curiosos e descoñecidos como o florball, o kin-ball ou o goalball.

Deste xeito, aproveitando a mellora da meteoroloxía con respecto aos últimos días, os veciños de Bergondo puideron gozar dunha xornada lúdica e saudable diferente, co deporte como eixo central.