Monday 25 de November de 2024

Ordes acolle un novo curso de alfabetización básica para mulleres estranxeiras


Participan cidadás de Brasil, Marrocos, Romanía, Senegal e Portugal e desenvolverase ata finais de mes
6 novembro 2015. Ata finais de mes o Concello de Ordes acolle un novo curso de alfabetización básica para mulleres estranxeiras. Unha iniciativa formativa que viu cubertas as 15 prazas ofertadas nun breve espazo de tempo, deixando a varias interesadas na reserva. Un dato que dá boa conta do enorme interese que suscita este tipo de actividades formativas na comarca.
Durante varias mañás á semana todas as alumnas aprenden cuestións relacionadas coa lingua e escritura tanto galega como castelá, ademais doutros aspectos imprescindibles para desenvolverse correctamente na sociedade actual. Deste xeito bríndaselles unha oportunidade para adquirir coñecementos e aumentar o grao de integración a mulleres procedentes de lugares tan distintos como Romanía, Brasil, Portugal, Senegal ou Marrocos.
Dependente do Plan Galego de Inclusión Social conta co financiamento do Fondo Social Europeo e coa Consellería de Traballo e Benestar, estando impartido por Radio ECCA Fundación Canaria.